publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente acometerá o reforzo da sinalización nas Catedrais ante a negativa do Estado a asumir as súas competencias na zona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoPortada esquerdaRibadeo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asumirá o custo e a instalación da nova cartelería nas zonas con maior risco de desprendementos da praia das Catedrais antes do inicio da tempada de Semana Santa. Así o anunciou esta mañá en Madrid a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tras a súa reunión con responsables da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, que descartaron que o Estado vaia asumir o reforzo da sinalización de advertencia e perigo nesta zona co argumento de que non ten competencias en materia de seguridade.

Cómpre lembrar que o monumento natural As Catedrais está localizado integramente en terreos de dominio público marítimo-terrestre polo que lle corresponde á Administración do Estado a adopción de calquera posible medida preventiva na zona, no exercicio das súas competencias sobre costas e como responsable de adoptar as medidas de policía preventiva necesarias para garantir a seguridade das persoas que visiten As Catedrais.

Por este motivo, Belén do Campo acudiu hoxe á xuntanza, durante a que estivo acompañada polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, para trasladarlle ao Goberno central as principais conclusións do estudo xeotécnico e xeolóxico sobre As Catedrais elaborado pola Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia e no que se recomenda reforzar e mellorar a sinalización naqueles puntos identificados como os máis sensibles a posibles desprendementos de material.

Ante a proximidade da Semana Santa, un dos períodos de maior afluencia de visitantes a este espazo natural da Mariña lucense, do Campo instou aos responsables do departamento estatal de Costas a que acometan canto antes as medidas máis urxentes sinaladas no informe, referidas sobre todo ao reforzo e mellora da sinalización e da cartelería na entrada da praia, no propio areal e tamén na senda acondicionada por riba dos cantís para os peóns, co obxectivo de que estes traballos poidan estar rematados canto antes.

Neste sentido e ante a negativa do Estado de asumir a execución das tarefas aconselladas polos expertos, a directora xeral de Patrimonio Natural anunciou que será a Xunta a que “por responsabilidade e a pesar de que non está obrigada por razón de competencia”, asuma directamente a contratación e a instalación da nova cartelería para mellorar a seguridade das persoas que visiten este espazo o mes que vén e poder manter a situación actual de libre acceso nesta zona.

De feito, Belén do Campo precisou que ante a inminencia da Semana Santa e a premura dos prazos para actuar, o seu departamento solicitou xa varios orzamentos ao respecto, polo que agarda poder concretar a próxima semana todos os detalles para proceder á instalación dos novos elementos de seguridade de acordo coas indicacións e localizacións que se desprenden da cartografía de riscos realizada sobre o terreo polos expertos.

Conclusións principais do estudo

Cómpre lembrar que o obxectivo do estudo da Fundación de Enxeñaría Civil de Galicia, encargado pola Xunta despois do accidente ocorrido na Semana Santa de 2018, era coñecer con precisión o estado actual do monumento natural e facer unha completa caracterización dos seus espazos, tanto da praia como das furnas, cantís e demais elementos que o integran, co fin de poder establecer unha serie de recomendacións sobre a futura xestión desta zona.

A solución finalmente proposta polo equipo redactor para reforzar a seguridade durante as visitas ao monumento inclúe a adopción dunha serie de medidas e intervencións sobre a praia, os accesos á mesma e tamén na senda habilitada para os peóns que percorre a beira do cantil. Así, á vista dos resultados da cartografía de riscos realizada sobre o terreo, o informe recomenda, entre outras cuestións, reforzar a sinalización e mesmo o impacto das mensaxes referidas a aqueles tramos e elementos naturais nos que a probabilidade de caída de material é alta ou moi alta. Este incremento da cartelería na que se advirte aos visitantes do perigo afectaría tanto á entrada á praia, como ao propio areal e ao camiño habilitado para o paso dos peóns por riba dos cantís.

Así mesmo, a Fundación Enxeñaría Civil de Galicia tamén propón a prolongación do percorrido existente pola beira do cantil do monumento. A recomendación recollida no estudo sería materializar esta ampliación cunha pasarela de madeira de características similares á que ten a senda xa existente e coa instalación dalgúns miradoiros en zonas moi concretas, estables e seguras desde o punto de vista xeolóxico e desde as que os visitantes poderían obter unha perspectiva diferente do monumento natural.

20 de marzo de 2019 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.