publicidade hoxe

José González anima ás explotacións agrarias e gandeiras a unirse para ser máis fortes e competitivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTaboada
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe a cooperativa Aira e alí aproveitou para animar aos gandeiros e agricultores galegos a unirse, en calquera modalidade, para ser máis fortes e competitivos. En concreto, o titular de Medio Rural explicou que o feito de estar integrado nunha cooperativa, ou calquera outra fórmula, dá facilidades á hora de negociar factores como os prezos de venda coas industrias ou dos insumos cos provedores.

Precisamente, segundo explicou José González, estes procesos de fusión teñen moito que ver coa reestruturación do modelo produtivo que está a vivir o lácteo galego, baseada na integración daquelas granxas máis pequenas noutras sociedades maiores. De feito, o conselleiro lembrou que preto de 800 explotacións individuais pasaron a integrarase en sociedades nos últimos cinco anos. Esta tendencia é a que permite mellorar a nosa competitividade e proba diso é que segue medrando a produción de leite en Galicia, segundo o titular de Medio Rural.

Así, o conselleiro trasladou que só no mes de xaneiro producíronse máis de 231.000 toneladas de leite en Galicia, un 0,56% máis que o ano anterior. Un dato aínda máis destacable se se compara coas cifras estatais, onde a produción baixou máis dun 1,8% neste último mes. No que se refire ao balance anual, explicou que a produción de leite en Galicia no 2018 chegou a superar os 2,7 millóns de toneladas, o que supón un incremento do 3% respecto a 2017 e de ata un 5,2% sobre o 2016.

Cooperativa Aira

Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde do municipio, Ramiro Moure. Alí, José González puxo a Aira como exemplo polo seu bo facer. Neste sentido, lembrou que esta cooperativa naceu da fusión doutras cinco que, á súa vez, xurdiron da unión doutras máis pequenas.

Actualmente, Aira está composta por 2.250 socios que, na súa maioría, se dedican á produción de leite, aínda que contan con algunhas explotacións de porcino, avícolas e de horta. Contan con 235 traballadores directos e 15 centros de traballo entre almacéns, supermercados, parques de maquinaria, talleres e gasolineiras. Por todo isto, o conselleiro do Medio Rural sinalou que este é o camiño que temos que seguir en Galicia.

8 de marzo de 2019 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.