publicidade hoxe

Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o paro superando a caída media do estado en dous puntos e medio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Galicia pechou o mes de febreiro con 173.709 persoas no paro, o que supón con respecto a hai un ano 14.498 desempregados menos (-7,70%). É, deste xeito, a segunda Comunidade na que máis descende o paro superando a caída media do Estado (-5,22%) en case dous puntos e medio. O paro, así, continúa baixando, seis anos de xeito consecutivo nun mes de febreiro e a cifra sitúa á Comunidade en niveis de hai unha década. Con respecto ás afiliacións, continúan en aumento, con 18.822 cotizacións máis que hai un ano encadeando case cinco anos de subidas consecutivas, desde abril de 2014.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado na visita que realizou a Emprega-Te III, o programa integrado de emprego que, co apoio da Xunta, desenvolve a asociación de comerciantes Compostela Monumental. Toca destacou que na evolución mensual o paro tamén caeu, nun 0,62%, o segundo maior descenso desde a crise económica en termos relativos (desde 2014), mentres que no conxunto de España subiu (+0,10%). As afiliacións tamén crecen con respecto a xaneiro, nun 0,50%, sendo a subida maior que a rexistrada no Estado (+0,37%). Galicia sumou en febreiro 176 afiliados máis ao día. É, ademais, o segundo maior incremento nun febreiro desde a crise económica.

Polo miúdo, e, en canto á evolución anual, a secretaria xeral sinalou que o desemprego cae nos colectivos prioritarios para a Xunta: mulleres (-6,52%), menores de 30 anos (-6,22%) e parados de longa duración (-13,26%). De feito, e con respecto a este último colectivo, subliñou que 4 de cada 5 persoas que saíron do paro no último ano eran parados de longa duración. O desemprego tamén descendeu en todos os sectores de actividade liderando a caída a construción (-18,55%), seguido da agricultura e a pesca (-8,46%), da industria (-8,43%) e dos servizos (-5,96%). Ademais, rexistrouse unha baixada nas sete grandes cidades e nas catro provincias galegas. Lugo é a provincia onde máis descende (-9,66%), seguida de A Coruña (-8,31%), de Pontevedra (-7,59%) e de Ourense (-4,06%).

Con respecto á evolución mensual, a secretaria xeral de Emprego apuntou que Galicia pasou de rexistrar seis febreiros consecutivos aumentando o número de parados con respecto ao mes anterior (2008-2013) a seis febreiros seguidos diminuíndo o desemprego (2014-2019).

Mercado laboral feminino

Toca, ademais, resaltou a mellora do mercado laboral feminino, un colectivo no que, ademais de baixar o paro no último ano, subiron as afiliacións nun 2,13%. Con respecto á caída do desemprego, indicou que Galicia acada a menor cifra de paro feminino nun mes de febreiro de toda a serie histórica (1996) e que catro de cada cinco mulleres que abandonaron as listas do paro no último ano eran paradas de longa duración (-11,27%). Ademais, as 482.302 mulleres afiliadas á Seguridade Social representan case a metade do total (48,4%), tres puntos máis que en 2009.

Así mesmo, e lembrando datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), explicou que seis de cada dez asalariadas contan cun contrato indefinido e a tempo completo, superando a España en case medio punto e que a taxa de paro feminina é a menor dos últimos 10 anos. Expuxo, ademais, que Galicia conta con máis emprendedoras e directivas e que a Comunidade galega, ademais, é a segunda con maior ritmo de crecemento dos salarios femininos e a fenda salarial reduciuse desde o inicio da crise económica en catro puntos.

Para seguir avanzando no camiño da igualdade, a secretaria xeral de Emprego apelou á implicación de todos os axentes económicos e sociais lembrando que Xunta, patronal e sindicatos teñen na igualdade entre homes e mulleres un dos seus asuntos clave no proceso do diálogo social. A Administración galega presentará este mes un estudo que servirá de base para o programa de igualdade retributiva creado este ano.

A Xunta, ademais, seguirá impulsando o traballo entre as mulleres a través do programa Emprega en feminino que desde hai dous anos acadou 35.000 beneficiarias de axudas e máis de 60.000 servizos a través de medidas como as axudas para a contratación de Emprega Muller, que inclúen un bono formación; o acceso prioritario á formación; ou Executivas de impulso a habilidades directivas. A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de aprobar, ademais, a nova Estratexia galega de RSE que ata 2021 inclúe, entre outros, medidas para fomentar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal.

Programas Integrados de Emprego

Con respecto á visita ao Programa Integrado de Emprego Empréga-Te III, que a Xunta financia nun 80% e que desenvolve Compostela Momumental, explicou o alto grao de inserción laboral desta iniciativa que ofrece aos 100 desempregados que están participando na actualidade formación no sector do comercio e da hostalería e prácticas en empresas da contorna. De feito, os alumnos e alumnas participaron hoxe nunha charla con empresarios para coñecer o que máis valoran dos traballadores á hora de contratar persoal.

Na actualidade, estanse desenvolvendo en toda Galicia 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades e cun investimento de 11 millóns de euros, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.

4 de marzo de 2019 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.