publicidade hoxe

Galicia aproba a OPE da Administración Xeral para 2019 con 2.617 prazas de emprego público, un 18% máis que en 2018

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do decreto de Oferta de Emprego Público da Administración Xeral para o 2019 con 2.617 prazas. “Un 18% máis que a convocatoria de 2018”, aseverou, destacando que Galicia cumpre así “o compromiso de aprobar as ofertas de emprego público no primeiro trimestre do ano” e que no ano 2019 a oferta de emprego público sanitaria, educativa e da administración xeral é de 6.004 prazas.

Logo de precisar que “outro ano máis utilizamos o 100% da autorización da Lei Básica de Presupostos do Estado para a OPE de Galicia”, Feijóo destacou que esta convocatoria inclúe 1.543 prazas de acceso libre –un 7% máis que en 2018-, 227 prazas para a promoción interna do persoal funcionario, coas que poderán acceder a postos de maior responsabilidade e retribución, e 847 para a funcionarización do persoal laboral fixo.

Con esta nova oferta, aprobada tras recibir o voto favorable na mesa de negociación de CC.OO e UXT e que, os vindeiros días publicarase no DOG, a Xunta segue no camiño de conseguir 3 obxectivos: garantir que calquera persoa que cumpra cos requisitos poida opositar para traballar na Xunta, garantir o dereito á promoción interna dos empregados públicos e avanzar no primeiro gran movemento global de funcionarización do persoal laboral fixo, previsto no Estatuto Básico do Empregado Público.

O titular do Goberno galego destacou que as prazas de acceso libre concéntranse, na metade, no eido social con máis de 800, e que o 10,3% do acceso libre reservase para persoas con discapacidade, unha reserva maior do que establece a lei, un 7%.

“Conseguimos estar entre as comunidades autónomas con menor taxa de temporalidade, situándonos no entorno do 7%, e en Sanidade do 5%”, indicou, destacando que con este decreto a Xunta aposta pola estabilidade: “xa temos ofertado 13.764 das 15.000 prazas de acceso libre que firmamos con sindicatos para executar no período 2017-2020”, polo que Galicia cumpriu o 92% do obxectivo un ano antes do previsto.

A maiores recordou tamén que se ofertan 9 prazas para persoal funcionarial sanitario, que se concretan en prazas de inspector médico, inspector farmacéutico, inspector farmacéutico de saúde pública, subinspector sanitario e ATS/DUE.

Feijóo salientou que a aposta polo emprego público estable incidindo en que desde 2009 fixéronse ofertas pública de emprego que conxuntamente suman 25.417 prazas. E concluíu destacando que “estamos cumprindo a nosa obriga, superando o acordo sindical, estamos superando a porcentaxe de prazas que se dedican a persoas con discapacidade e nos imos situar na comunidade autónoma con menor porcentaxe de temporalidade e, en consecuencia, con maior porcentaxe de estabilidade dos empregados públicos”.

28 de marzo de 2019 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.