publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

FalaRedes 2019 ponse en marcha cunha actividade de homenaxe a Antonio Fraguas

Presentación de FalaRedes 2019

Presentación de FalaRedes 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá no Museo do Pobo Galego a actividade Canta, miña pedra, canta, coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha unha nova edición do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes. Faino no marco da conmemoración, hoxe, do Día Mundial da Poesía e do Día Internacional da Narración Oral, onte, por tratarse dunha actividade que parte de poemas tradicionais recollidos por Antonio Fraguas, a quen se lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas.

O secretario xeral explicou que Canta, miña pedra, canta ten un cuádruplo obxectivo: “renderlle homenaxe a Antonio Fraguas en 14 concellos galegos, promover o aprecio pola literatura popular, ofrecer un espazo de ocio na lingua propia de Galicia para os pequenos e pequenas da casa e darlles ás familias un recurso máis para a crianza en galego”.

Xunto con Valentín García, participaron na presentación de Canta, miña pedra, canta Justo Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas; Francisco Castro e Xulio Amigo, director xeral e director comercial de Editorial Galaxia, respectivamente; Charo Pita, actriz e contadora, e Xoán Curiel, músico, que interpretou para os asistentes unha das cancións que forman parte do espectáculo.

Canta, miña pedra, canta

Tras o seu éxito con Estamos no verán!!! e con A casa do terror, Xoán Curiel volve ao FalaRedes acompañado desta volta da actriz, escritora e contadora Charo Pita. Faino cunha actividade dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos e ás súas familias que xira arredor dos relatos populares galegos e mais de cancións que don Antonio Fraguas, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, recolleu nas súas Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade. O espectáculo, que abre a edición 2019 do programa de dinamización lingüística FalaRedes, forma parte da programación institucional que a Xunta de Galicia desenvolve para celebrar as Letras Galegas e honrar o intelectual arredor do que xirará o vindeiro 17 de maio.

Canta, miña pedra, canta percorrerá esta primavera, baixo xestión da Editorial Galaxia, 14 concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Ames, Arteixo, Boiro, Noia, O Grove, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Monterroso, Vilalba, Mondoñedo, Barbadás, Ourense e O Carballiño. As datas e horas de cada unha das sesións poden consultarse no Portal da Lingua Galega, así como na Axenda de Cultura de Galicia.

FalaRedes

FalaRedes é un programa de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se desenvolve en entidades locais pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Os seus obxectivos son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos da Rede, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo neste idioma.

21 de marzo de 2019 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.