publicidade hoxe

Ethel Vázquez salienta o inicio da contratación da prolongación da Vía Ártabra por un investimento de máis de 40 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez na Coruña

Ethel Vázquez na Coruña

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou o inicio hoxe da contratación da continuación da Vía Ártabra por un investimento de máis de 40 millóns de euros, a maior licitación en materia de estradas pagadas con fondos propios e vía orzamentaria nunha década.

Vázquez Mourelle presentou esta actuación que inclúe un modificado para executar a 2ª fase e poder conectar a Vía Ártabra coa AP-9 en canto o Ministerio de Fomento emita o informe favorable para o enlace, sen unha nova licitación. Así, procederase á execución das obras inmediatamente á disposición da autorización.

Nesta presentación, na que tamén estiveron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, a conselleira indicou que as empresas interesadas en executar esta obra teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 1 de abril.

O Goberno galego propúxolle recentemente aos concellos da área a idea de avanzar por un 1º tramo entre a N-VI e a AC-221 e que supón a maior parte da obra a executar ata a a AP-9. Así, mentres a Xunta avanza co primeiro treito de obras, se lle dá marxe a Fomento para que emita a citada autorización.

A responsable de Infraestruturas indicou que isto xa supón unha mellora nas comunicacións para os veciños e tamén para algúns dos polígonos empresariais máis importantes da comarca, como o de Bergondo, Iñás e Espíritu Santo.

Subliñou que a Xunta está a traballar no impulso deste proxecto estratéxico, polo que cómpre que outras administracións mostren un compromiso semellante a prol do interese xeral. Así, concretou que lle trasladou esta licitación a Fomento, solicitándolle que, á maior brevidade, emita a autorización precisa para chegar ata a AP-9.

O Goberno galego xa investiu máis de 70 millóns de euros nos 10 km en servizo da Vía Ártabra, que son empregados por máis de 4.000 vehículos cada día e xa viñeron contribuír a mellorar o tráfico na área da Coruña.

Sen embargo, a conselleira explicou que ese investimento será completamente aproveitado cando esta estrada chegue ata a AP-9, conectando aos veciños de Sada, Cambre e Oleiros e achegándoos á rede de estradas de altas prestacións que vertebran o país.

4 de marzo de 2019 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.