publicidade hoxe

Educación premiará os 23 mellores expedientes da FP de grao superior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia os Premios extraordinarios de Formación Profesional de grao superior correspondentes ao curso 2017/18. O prazo de presentación de solicitudes para optar a estes galardóns estará aberto desde mañá ata o día 4 de abril. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, aínda que tamén se poderá realizar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros legalmente establecidos para tal fin.

En total convócanse ata 23 premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada en Galicia. Poderán optar a este recoñecemento as e os estudantes que cursasen estudos de FP de grao superior no curso 2017/18 nalgún centro educativo da comunidade autónoma (ben modalidade presencial ou modalidade a distancia) e os rematasen no ano 2018, sempre e cando obtivesen unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos; entre outros.

O obxectivo destes galardóns é recoñecer publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior en Galicia e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Consellería para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.

A dotación orzamentaria para estes premios é de 19.550 euros que se distribuirán entre os galardoados na mesma contía, de 850 euros por alumno. Ademais da correspondente dotación económica, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.

4 de marzo de 2019 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.