publicidade hoxe

Ángeles Vázquez confía en que os movementos de concienciación social activen a participación xuvenil contra o cambio climático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou a súa confianza nos movementos de concienciación social para que as novas xeracións participen activamente na loita contra o cambio climático. Vázquez Mejuto interveu esta tarde no pleno do Parlamento para informar das actuacións do seu departamento nesta materia.

Explicou que o Goberno galego é coñecedor dos movementos sociais que naceron entorno a este desafío ambiental e comparte as preocupacións que levan aos máis novos a mobilizarse, sobre todo porque a mocidade actual é o futuro, a xeración que recollerá a testemuña para continuar avanzando na loita contra o cambio climático.

Lamentou a actitude da oposición que acusa á Xunta de “non facer nada” e recordou que a Consellería leva anos tomando medidas e impulsando iniciativas para concienciar ao conxunto da sociedade neste reto global, do que xa se ven os seus efectos como son as transformacións que está a sufrir o clima.

A modo de exemplo, recordou que en 2017 se celebrou a primeira edición do Climathon, no que universidades, empresas e cidadáns compartiron ideas e inquietudes con profesionais e investigadores respecto deste desafío ambiental.

A conselleira salientou que o último paso dado foi o deseño da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, que vén de rematar o seu proceso de información pública, e que representa o instrumento planificador do Goberno galego no que se establecen as grandes liñas de actuación na loita fronte a este fenómeno. Argumentou que a finalidade é avanzar cara a neutralidade climática, é dicir, conseguir que as emisións de gases de efecto invernadoiro que non se poidan eliminar se compensen polas absorcións de gases da contorna natural.

“Galicia debe ser parte da solución ao problema do cambio climático e un referente no cambio de modelo cara a economía circular, onde a xestión dos residuos é unha pedra angular nesta loita”, concluíu a conselleira.

27 de marzo de 2019 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.