publicidade hoxe

Almuiña asegura que o borrador do novo modelo de atención primaria de Galicia vai por diante respecto ao do Ministerio de Sanidad

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, referiuse hoxe no Parlamento de Galicia ao borrador do modelo de atención primaria que presentou a semana pasada o Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social. Almuiña asegurou que “o documento do Sistema Nacional de Salud recolle aspectos nos que o Servizo Galego de Saúde vai moi por diante do resto do Estado”. Así, referiuse a temas como a historia clínica electrónica compartida, a historia clínica electrónica no domicilio, o seguemento dos pacientes por telemonitorización, a interconsulta non presencial, a conciliación farmacoterapéutica á alta hospitalaria ou a consulta telefónica.

Segundo indicou o conselleiro, este documento presenta similitudes de estrutura co borrador galego no que se refire á definición de estratexias, obxectivos e accións a curto, medio e longo prazo.

O conselleiro afirmou que, no referido as estratexias, ambos borradores coinciden en canto a política orzamentaria e de recursos humanos; na coordinación da atención primaria con outros ámbitos asistenciais, servizos e institucións, e no fomento da formación e da investigación en atención primaria. Galicia ademais, dixo Almuiña inclúe unha liña estratéxica de creación de equipos de atención primaria no que se definan novos roles, que non recolle o Ministerio. Tamén destacou da proposta galega a mellora da xestión da demanda non programada ou urxente e a dispoñibilidade dun plan de necesidades adecuado á carteira de servizos de cada centro.

En canto aos obxectivos, Almuiña incidiu en que “o documento do Ministerio ten 23 mentres que o borrador no modelo galego ten 45. O do Ministerio ten 19 accións a curto prazo mentres que o do Servizo Galego de Saúde ten 75. A medio prazo hai 70 accións no documento do Ministerio, fronte a 60”. O documento galego recolle unha serie de medidas, que comezaron sendo 175 e na actualidade xa son 183, respecto das 96 que aparecen na proposta ministerial.

Na súa intervención no Parlamento, Almuiña insistiu na necesidade de que as medidas a adoptar en atención primaria pasen, inescusablemente, pola participación das administracións públicas, os profesionais e a cidadanía. Así lembrou que durante as últimas semanas a Consellería de Sanidade mantivo importantes reunións para avaliar as alegacións presentadas ao actual borrador do modelo de atención primaria en Galicia.

Neste sentido, o conselleiro destacou o acordo sobre a mellora da Atención Primaria acadado a pasada semana co Consello Galego de Colexios Médicos, así como coa Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen), Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG), e a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC). Tamén manifestaron o seu apoio ao documento os traballadores sociais e os profesionais de enfermería, fisioterapia e servizos xerais.

Ademais mencionou Almuiña a posta en marcha do contrato de substitución para médicos de familia e pediatras, acordado en mesa sectorial co apoio das organizacións sindicais CESM-OMEGA, UGT, CSIF e SATSE e a adopción de medidas concretas por parte de Sanidade para dar resposta ás demandas dos xefes de servizo de atención primaria en Vigo. Almuiña lembrou que dende Sanidade seguen abertas todas as canles de diálogo para avanzar “contando coa imprescindible colaboración dos profesionais”.

27 de marzo de 2019 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.