publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta publica a resolución das axudas para emprendedores, con oito proxectos en Lugo que suman achegas por 140.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLocal PortadaLugoLugoMeiraNavia de Suarna
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución das axudas para novos emprendedores correspondentes ao segundo semestre do pasado ano, que na provincia de Lugo apoian oito proxectos cunha achega global de 140.000 euros.

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) deu conta no Diario Oficial de Galicia da resolución da última convocatoria do 2018 deste programa que convoca periodicamente para impulsar o emprendemento. Neste caso, resultaron beneficiarias cinco iniciativas en Lugo capital, unha en Navia de Suarna, outra en Burela e unha última en Meira. O investimento conxunto apoiado supera os 468.000 euros.

Na primeira convocatoria do pasado ano resultaran beneficiados catro proxectos, con axudas por 253.000 euros para un investimento apoiado de 844.000 euros; dous deles tiñan sede en Lugo, un en Friol e outro no Saviñao.

As achegas poden destinarse a sufragar obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións en bens inmobles; a adquisición de equipamento, maquinaria, mobiliario ou elementos de transporte; activos inmateriais, tales como adquisición de dereitos de patentes ou licenzas; custos de investigación e desenvolvemento, o canon fixo de franquías no seu primeiro ano, alugueiro e outros gastos iniciais para a posta en marcha da actividade.

Este tipo de axudas pretenden fomentar o emprendemento e apoiar ao emprendedor como axente dinamizador da economía, dado que en Galicia as pequenas e medianas empresas resultan determinantes no crecemento económico e na creación de emprego

20 de marzo de 2019 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.