publicidade hoxe

A Xunta publica a primeira guía para facer fronte ao radon en vivendas xa existentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de publicar a primeira guía de recomendacións para evitar os efectos do gas radon nas vivendas xa existentes, ofrecendo información detallada sobre as solucións que se poden adoptar en cada tipo de vivendas para facer fronte ao mesmo.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo elaborou unha publicación que contén información para que os usuarios poidan comprobar se a súa vivenda está en situación de risco de contaminación por radon e especifícanse as distintas solucións construtivas, incluído o seu custo estimado para o que se terán en conta as obras complementarias e necesarias para levala a cabo, a súa correcta execución, así como as súas vantaxes e inconvenientes, co obxecto de lle facilitar ao técnico a elección das medidas máis adecuadas a cada caso
particular.

A publicación Radon. Guía de recomendacións da mitigación en vivendas existentes, e o seu anexo técnico, pódese descargar en formato pdf dende a propia web do IGVS: www.igvs.es

Con esta guía, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma que conta cun documento que indica aos particulares e técnicos as diferentes formas de proceder para evitar a entrada do gas nas vivendas xa existentes e a eliminación do mesmo. No caso das vivendas de nova construción, e en determinadas rehabilitacións, o Código Técnico da Edificación xa inclúe medidas destinadas a este fin, pero non específica como se debe proceder nas vivendas xa existentes, cuestión que queda solucionada coa publicación da guía elaborada polo IGVS.

Esta guía plantexa as máis diversas solucións para a eliminación do radon das vivendas, dende a simple ventilación natural das vivendas á ventilación forzada do interior das vivendas, ventilación a través dunha placa sanitaria, instalacións de barreiras físicas que impidan a entrada do gas na vivenda, sistemas de despresurización do terreo, etc., indicando en cada caso as vantaxes e inconvenientes de cada sistema, a forma de instalalo e o custe aproximado do mesmo.

O gas afecta principalmente ás andares baixos e sotos das vivendas, polo que as casas unifamiliares son as que corren máis risco de estar afectadas polo mesmo.

As medidas para a eliminación do radon están incluídas entre as obras subvencionables no marco das axudas da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, cuxa convocatoria se publicará nas vindeiras semanas, así como nas axudas a concellos para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres e vivendas de titularidade municipal e as axudas de conservación do plan de vivenda. Os interesados tamén contan cos préstamos para rehabilitación, con bonificación de ata o 100 por cento dos xuros durante catro anos, a través dos cales poden financiar as actuacións necesarias.

20 de marzo de 2019 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.