publicidade hoxe

A Xunta presenta o curso Celga 3 en liña no marco do plan de formación en lingua galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta, por medio dos responsables da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e da Secretaría Xeral da Emigración, presentou hoxe o novo curso en liña preparatorio do nivel 3 do certificado de acreditación da lingua galega (Celga), un proxecto que se suma aos dous niveis xa existentes da formación en lingua galega desde a modalidade en liña e que supón un paso máis no seu acceso por parte da cidadanía, tanto a da Galicia territorial como a da colectividade galega no exterior.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou “que a Xunta estrea nesta convocatoria de formación o Celga 3 en liña, do que se desenvolverán sete cursos con 30 prazas cada un, no marco do Plan de formación en lingua galega da Xunta, que chegará este ano a máis de 7000 persoas” e avanzou que “deseguido se iniciarán os traballos para incorporar á vindeira oferta de teleformación o nivel 2, que completará a formación en liña do sistema de acreditación oficial da lingua galega e posibilitará o acceso aos catro niveis de aprendizaxe que o configuran desde calquera parte do mundo”.

Pola súa banda, Mar Pereira sinalou que un ano despois da posta en marcha da plataforma de teleformación da lingua galega, “ampliamos a oferta formativa con este novo curso preparatorio para acceder a acreditación do Celga 3”, unha iniciativa enmarcada na política autonómica de impulsar a formación en liña. A directora da Amtega lembrou outras medias para favorecer a difusión da lingua como lingua.gal, o portal da lingua desde o que se accede a esta plataforma de teleformación e que ofrece diferentes recursos para aprender e traballar en galego; o tradutor Gaio ou a consecución do dominio .gal.

Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, puxo o foco na importancia que esta nova proposta de Política Lingüística ten para “os milleiros de galegos que residindo no exterior estean pensando en retornar a Galicia, ou para aqueles que xa o fixeron e que verán así equiparado o seu nivel de galego ao de todos aqueles que cursaron xa estudos na Galicia territorial”. “Trátase dun paso máis cara súa a integración total na súa terra de orixe, tamén no eido lingüístico”, engadiu.

O prazo de incriscrición da formación preparatoria para as probas de acreditación do Celga está aberto ata o vindeiro 20 de xuño e xestiónase desde o Portal da Lingua Galega www.lingua.gal ou desde a sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

Celga 3 en liña

O curso Celga 3 en liña que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha por primeira vez en 2019 vénse sumar aos cursos a distancia preparatorios para as probas de nivel Celga 1 e Celga 4 xa existentes, co fin de facilitar o acceso á formación en lingua galega da poboación adulta sexa cal for o lugar onde viva e a ocupación e horario que teña.

Os obxectivos e contidos do curso Celga 3 en liña correspóndense cos do nivel B2 do Marco europeo común de referencia para as linguas. Para alcanzar este nivel, o curso emprega textos, vídeos e audios en diferentes tipos de actividades prácticas, de acordo coa pedagoxía construtivista social que o guía e que implica a colaboración, o papel activo do discente e a reflexión crítica. Así, través dunha interface de navegación sinxela, lixeira, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a unha das 8 unides do curso, cada unha delas dividida en catro bloques: comprender, explorar e reflectir, practicar e comunicar e viaxar. Neles, o alumnado atopará actividades tipo consulta, tarefa, diálogo, chat, foro, glosario, wiki, cuestionario ou reunión, entre outras posibilidades. As unidades organízanse arredor dunha tarefa principal e son 8.

As persoas que desexen participar nun destes cursos de teleformación deben dispoñer dun equipamento informático composto por un ordenador con conexión a Internet, dunha conta de correo electrónico (que deberá coincidir coa sinalada na solicitude de participación) e mais dun micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz. Toda a información en http://www.lingua.gal/curso-celga-3-lina.

Sistema Celga

Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas e está configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, que recollen as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.

Estes certificados permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego para os efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos, e obtéñense mediante un exame convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego.

4 de marzo de 2019 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.