publicidade hoxe

A Xunta organiza en Ourense unha xornada sobre seguridade laboral no manexo de maquinaria de construción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), organiza mañá en Ourense unha xornada sobre a seguridade e a cualificación para o manexo de maquinaria de construción. A iniciativa, que terá lugar a partir das 9,45 horas no centro do Instituto na cidade ourensá, ten como obxectivo informar sobre a formación teórica e práctica que se esixe neste ámbito en materia preventiva por lei e poñer en valor o certificado de operador de maquinaria que promove a Fundación Laboral da Construción tanto para o sector da construción como para outros eidos nos que o manexo de maquinaria é habitual.

A xornada vai dirixida a técnicos de prevención de riscos laborais, delegados de prevención, axentes sociais, empresarios e traballadores e estudantes interesados na materia co fin de que poidan coñecer o risco derivado da manipulación das máquinas, en xeral, e as de construción, en particular, así como ter en conta a obrigatoriedade de que estas ferramentas reúnan os sistemas de protección máis axeitados e que os traballadores que as utilizan estean debidamente cualificados.

O certificado de operador de maquinaria, que promove a Fundación Laboral da Construción, permite certificar os coñecementos e habilidades dos traballadores e traballadoras do sector no manexo de maquinaria de construción, independentemente de como as adquiriran, a través de formación ou da experiencia profesional.

Esta xornada técnica forma parte da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2017-2020 que busca promover actuacións de intercambio de boas prácticas no ámbito da seguridade e saúde no traballo a través da organización de campañas, encontros, cursos ou calquera outra actividade informativa para sensibilizar sobre a seguridade e saúde no traballo e compartir experiencias.

Na xornada intervirá Ana Amoedo López, inspectora da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Ourense, que se centrará en informar sobre as obrigas legais e a normativa de referencia no ámbito da seguridade para o manexo de maquinaria de construción. Antonio Santander Iñigo, responsable de Proxectos de Seguridade e Saúde da Fundación Laboral da Construción (FLC) falará sobre a cualificación do operador de maquinaria e explicará as características do certificado de operador de maquinaria. Por último, intervirá José Manuel Blanco Montero, xerente do departamento de Prevención de Riscos Laborais de Galicia e Portugal de Acciona, que abordará a intervención dos servizos de prevención na formación e a autorización para o uso da maquinaria en obra, tanto propia como de colaboradores externos.

21 de marzo de 2019 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.