publicidade hoxe

A Xunta inicia as obras de mellora do saneamento da parroquia de Tenorio cun investimento de 1,8 millón de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inicia as obras de mellora do saneamento da parroquia de Tenorio, no Concello de Cerdedo-Cotobade, cun investimento de 1,8 millóns.

Trátase da execución dunha rede de colectores de saneamento para augas fecais, e a instalación dunha estación depuradora de augas residuais en Tenorio, e completarase con dous bombeos en Covas e Lérez.

Esta intervención impulsada a través de Augas de Galicia, no marco do convenio de colaboración existente entre a Administración autonómica e a local, está a ser executada pola UTE Uncisa Construcciones e Infraestructuras SAU-Hordescon S.L, que dispón dun prazo de 10 meses para o seu remate aos que se engaden os 12 meses para a súa posta en marcha.

Na actualidade o sistema de saneamento da parroquia de Tenorio consiste en sete fosas sépticas que recollen a maior parte das augas residuais da parroquia, ditas fosas verten as augas residuais cun tratamento básico, ao río Tenorio, un afluente do río Lérez catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria.

Os traballos que se están a acometer comprenden as actuacións necesarias para solucionar as deficiencias que supón a dispersión das actuais infraestruturas de saneamento neste municipio.

As obras da rede de colectores de saneamento para augas fecais permiten executar 8 tramos principais de colectores, cunha lonxitude aproximada de 4,4 quilómetros, unidos mediante pozos de rexistro fabricados en formigón “in situ”. Realizarase o cruzamento por debaixo das estradas principais mediante perforacións horizontais dirixidas de 400 mm con camisa de aceiro.

Executaranse tamén dous bombeos situados en Covas e Lérez que estarán compostos por un pozo prefabricado de polietileno. As bombas que se instalarán nos pozos serán bombas somerxibles para o bombeo de augas fecais unha para uso habitual e outra de reserva.

Finalmente os colectores verterán nunha nova EDAR, de tipo convencional, que se ubicará na zona de Veiga Grande, e o efluente desta conducirase mediante un emisario ao punto de vertido situado no río Lérez.

Esta nova estación depuradora está deseñada para unha poboación futura de 1.076 habitantes equivalentes ano 2037, e estará formada polos seguintes elementos: liña de auga, obra de chegada e pretratamento, tratamento biolóxico, desinfección e medición de auga tratada

A actuación está incluída no programa operativo FEADER 2014/2020 e finánciase nun 75% con cargo ao mesmo, e está cofinanciada con fondos propios de Augas de Galicia.

26 de marzo de 2019 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.