publicidade hoxe

A Xunta destaca que os centros con contratos programa de mellora educativa multiplícanse por catro en oito anos de funcionamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o incremento do número de centros acollidos aos contratos programa de mellora educativa. Segundo un informe que coñeceu hoxe o Consello da Xunta, desde a súa posta en marcha con carácter experimental no curso 2011-12, multiplicáronse por catro os centros acollidos a esta iniciativa.

En oito anos de funcionamento, pasouse dos 144 centros iniciais aos 572 do presente curso. Ademais, o número de alumnos é de case 352.000 de primaria, ESO e FP fronte aos 11.600 do primeiro curso en funcionamento.

Feijóo incidiu en que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destina este ano preto de 6 millóns de euros aos contratos programa para que os colexios e institutos desenvolvan plans de mellora en función das súas necesidades.

Este programa conta con sete liñas específicas: reforzo, orientación e apoio, coñecido como PROA; mellora das competencias clave; mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros; prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia; mellora da calidade na xestión dos centros, e reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e formación profesional básica.

Os destinatarios destas sete liñas de traballo, ás que poden acollerse os centros en cada convocatoria anual, son colexios rurais agrupados; escolas de educación infantil; centros de educación infantil e primaria; centros de educación primaria; centros de educación especial; institutos de educación secundaria; centros públicos integrados, centros de formación profesional e centros públicos de educación e promoción de adultos.

21 de marzo de 2019 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.