publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destaca a importancia dos criterios medioambientais na contratación dos servizos do novo Plan de Transporte Público de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, interveu hoxe en Santiago na xornada “Modelo de Transporte e propulsións alternativa”, onde salientou a importancia dos criterios medioambientais á hora da contratación dos servizos do novo Plan de Transporte Público de Galicia que se implantará esta ano.

Ignacio Maestro sinalou que na renovación do conxunto das liñas de autobús regular de pasaxeiros os requisitos medioambientais terán peso propio nos baremos establecidos na adxudicación dos novos servizos, de tal forma que na puntuación das ofertas terase en conta os vehículos menos contaminantes. Este criterio, engadiu, terá como base os catro distintivos ambientais creados pola DXT en función do impacto medioambiental dos vehículos.

O encontro, no que empresas carroceiras e de transporte de pasaxeiros por estrada presentaron as últimas novidades en sistemas de propulsión eléctrica, híbrida ou de gas natural, serviu ao director xeral de Mobilidade para expoñer ás liñas básicas do Plan de transporte público de Galicia, no que a Xunta está a traballar actualmente para a reordenación de todas as liñas de autobús de Galicia.

Lembrou que a Xunta está a aproveitar a próxima caducidade das concesións de transporte público para deseñar ese modelo de mobilidade máis útil para os cidadáns, sostible desde o punto de vista ambiental e eficiente desde a perspectiva empresarial.

Na súa intervención, o director xeral de Mobilidade abundou tamén no traballo que se está a realizar no deseño do novo mapa de liñas de autobús adaptado ás necesidades da Galicia do século XXI e avanzou que as futuras liñas se organizarán en catro niveis para facilitar a coordinación: autonómicas, comarcais, intermunicipais e municipais.

Segundo explicou, a primeira parte do novo mapa de liñas xa superou o primeiro proceso de información pública e para o funcionamento destas primeiras liñas de transporte serán necesarios máis de 1.000 autobuses. Trátase dun total de 100 contratos de explotación a través dos cales se prestarán, desde o vindeiro 7 de agosto, 1.917 liñas de autobús na nosa Comunidade.

Ignacio Maestro sinalou ademais que os contratos están dimensionados para facilitar a participación no proceso do tecido empresarial de transporte de Galicia, caracterizado pola abundancia de pequenas e medianas empresas. Desa forma, o 63% dos contratos precisan dunha frota de 10 ou menos autobuses.

Así mesmo, o Plan de transporte público reflicte a preocupación da Administración autonómica por blindar o emprego no sector, traducíndose en consolidación e creación de novos postos de traballo: estímase que serán necesarios 1.113 condutores que terán asegurada a súa subrogación e preto de 900 acompañantes das rutas con escolares.

E no relativo aos termos económicos, detallou que estes primeiros 100 contratos supoñen un volume de negocio de 600 millóns de euros nos seus 10 anos de vixencia, é dicir, 60 millóns de euros ao ano dos cales 45 millóns serán achegados pola Xunta e o resto se corresponde con previsión de ingresos, fundamentalmente por venda de billetes.

Mentres tanto, avanzou, se segue a traballar na definición das liñas restantes, que se someterán a información pública no mes de xuño e comezarán a funcionar no mes de decembro.

20 de marzo de 2019 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.