publicidade hoxe

A Xunta destaca a importancia de denunciar a través do 012 os danos provocados polo xabaril e lobo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, destacou esta mañá que é de especial importancia que os danos provocados pola fauna silvestre sexan denunciados a través do teléfono 012, polo que invitou ao colectivo a trasladar os seus casos particulares a través desta vía de comunicación.

Belén do Campo mantivo esta mañá unha reunión co presidente de Agromacén (Asociación agrogandeira do Macizo Central), Pedro Rodríguez Parente, e o enxeñeiro de Montes, Roberto Pereiras Guinarte, aos que lles solicitou que fagan extensivo aos membros da súa asociación este protocolo, ante un caso de ataque de lobo ou xabaril e recordou que a Xunta de Galicia ten convocadas varias ordes de axudas, por un importe de 1,4 millóns de euros, para paliar e previr os danos que provocan as especies silvestres sobre os cultivos agrarios (no caso do xabaril) ou nas explotacións gandeiras (no caso do lobo).

Indicou que o Goberno galego está a tomar medidas para paliar os danos que as especies cinexéticas causan nas explotacións, como o feito de que a vindeira tempada de caza ampliará en case un mes o período hábil para a captura de xabarís. Esta decisión foi aprobada na reunión do Comité Galego de Caza e contou co consenso dos representantes do sector na reunión. Así, a vindeira tempada dará comezo o 24 de agosto de 2019 e rematará o 29 de febreiro de 2020. Non obstante, os xoves, sábados, domingos e festivos seguen a manterse como xornadas hábiles para a caza.

Cómpre recordar que estas iniciativas forman parte da estratexia deseñada polo grupo de traballo interdisciplinar para o control de danos causados polo xabaril promovido desde a Consellería, na que tamén se recollen medidas como o emprego de novos métodos selectivos de captura ou a aposta por novas regulacións, como a próxima norma autonómica para o subministro e comercialización da carne de caza maior abatida en Galicia, cuxo proxecto de decreto vén de publicarse no portal de transparencia.

Outro dos puntos abordados na reunión foi a preocupación deste colectivo en canto á xestión do lobo, e plantexaron unha serie de iniciativas para mellorar a xestión no caso dos danos provocados por lobo, sobre todo no caso das explotacións con maior volume de hectáreas ou axilizar os trámites relativos ás solicitudes para a realización de traballos de desbroces en montes comunais ou en determinados espazos dentro da Rede Natura. A directora xeral indicoulles que a Dirección Xeral estudará todas as propostas que presenten e compatibilicen o mantemento e conservación da biodiversidade e beneficien á actividade agrogandeira.

28 de marzo de 2019 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.