publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta defende o cumprimento da lei na vixiancia das augas dos ríos e no control das afeccións ás concas na contorna da antiga mina de Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaTouro
A-
A+
Intervención de Ethel Vázquez

Intervención de Ethel Vázquez

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta vela polo cumprimento da lei, vixía o estado das masas das augas e traballa para minimizar as afeccións ás concas dos ríos na contorna da antiga mina de Touro.

Vázquez Mourelle reiterou que o Goberno galego continuará vixiando o cumprimento das normas e garantías medioambientais e a empresa deberá seguir traballando con medidas que atallen posibles vertidos e contribúan á mellora das augas.

Fixo fincapé en que a Xunta non vai consentir ningunha actuación nin actividade que supoña maiores afeccións ao medio hídrico e empeoramento das masas de auga. Neste sentido, concretou que a declaración de impacto ambiental emitida será o resultado das avaliacións profesionais e dos informes técnicos que determinarán se o proxecto en cuestión cumpre estritamente ou non a normativa ambiental.

Tamén apuntou que cando se infrinxe a lei se abre o expediente sancionador que corresponde. Así, só no último ano, desde xaneiro de 2018, téñense incoado expedientes sancionadores á empresa por importe de 80.000 euros por vertidos non autorizados.

A responsable de Infraestruturas lembrou que o Executivo autonómico é a administración que máis está a traballar polo mantemento dos recursos hídricos, pola calidade das augas, polo saneamento e por garantir o abastecemento ante posibles episodios de seca.

Precisou que desde o ano 2009 a Xunta leva mobilizado máis de 1.100 millóns de euros en 350 actuacións de saneamento e máis de 300 en materia de abastecemento. Engadiu a construción de case medio cento de depuradoras para dar servizo a máis da metade dos cidadáns de Galicia.

27 de marzo de 2019 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.