publicidade hoxe

A Xunta convoca aos titulares dos terreos necesarios para executar a prolongación da Vía Ártabra ata a AP-9

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Boletín Oficial da provincia da Coruña a convocatoria aos titulares dos terreos necesarios para executar a prolongación da Vía Ártabra ata a autoestrada AP-9, para o levantamento de actas previas.

O orzamento das expropiacións para o desenvolvemento da totalidade do proxecto de prolongación da Vía Ártabra é de máis de 1,5 millóns de euros, que se destinarán ao pagamento dos 369 predios necesarios, nos Concellos de Sada, Cambre e Oleiros.
Os titulares dos terreos están citados entre os vindeiros días 22 e 26 abril. A Xunta establece na convocatoria as seguintes quendas: o día 22 de abril na Concellería de Urbanismo do Concello de Sada, o 23 na Casa Charry do Concello de Oleiros e, segundo orde alfabética do apelido, entre os días 24 e 26 de abril na Casa Consistorial de Cambre.

A Xunta licitou o pasado 4 de marzo a contratación das obras da 1ª fase da prolongación da Vía Ártabra, tras ter aprobado o proxecto de construción da prolongación da Vía Ártabra ata a autoestrada AP-9 polo executivo autonómico en Consello da Xunta, mentres o Ministerio de Fomento non resolve a autorización da conexión coa autoestrada do Atlántico.

Cabe sinalar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá máis de 40 millóns de euros nesta actuación, que se acometerá en dúas fases. Na primeira fase executarase entre o enlace da N-VI e a estrada autonómica AC-221, San Pedro de Nós- Mabegondo. E a segunda, entre esta última vía e a autoestrada AP-9, que requirirá da autorización do Ministerio de Fomento.

A intervención nesta 1ª fase de prolongación desta vía libre de peaxe esténdese ao longo de case 4 quilómetros e engloba a execución dun enlace de conexión coa N-VI, un tronco desde esa estrada nacional ata a AP-9, unha conexión coa AC-221, que inclúe o ramal de conexión co polígono do Espírito Santo, e un enlace coa AP-9.

A Vía Ártabra é unha actuación estratéxica que fai posible completar o treito da estrada xa en servizo entre O Castelo e a NV-I, e permite articular unha vía para mellorar o acceso de entrada á Coruña a través da N-VI, AP-9 e A-6.

21 de marzo de 2019 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.