publicidade hoxe

A Xunta confirma que a ampliación da residencia para maiores de Cerdedo estará rematada a finais de 2020

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitou esta mañá as obras de ampliación da residencia de Cerdedo, da rede de centros para a atención aos maiores da Xunta de Galicia, e confirmou que esa actuación estará rematada a finais de 2020.

Nesa data xa poderá entrar, pois, en funcionamento o novo edificio que está en construción neste momento, anexo ao actual que comparte os servizos de centro de día e residencia, e que permitirá que aumente a oferta de prazas residenciais de 18 a 48. O actual inmoble dedicarase en exclusiva a centro de día, mantendo a súa capacidade máxima para 30 usuarios, pero mellorando polo tanto a calidade na prestación do servizo para os maiores.

Durante a visita desta tarde, Rodríguez deu por resoltos os problemas que se produciran na fase inicial das obras de ampliación da residencia, que ocasionaron un lixeiro retraso sobre o previsto, e que tiveron como causa a necesidade de consolidar o muro de contención da vía pública que linda coa parcela na que se levanta o novo inmoble.

O xerente do Consorcio e o rexedor supervisaron o desenvolvemento das obras, nas que a Consellería de Política Social, a través do Consorcio, inviste un total de 1,7 millóns de euros, repartidos en tres anualidades, desde o pasado ano 2018 e ata 2020. Este orzamento inclúe os custos de dirección de obra e estudos, así como o equipamento e amoblamento do novo edificio.

A construción deste novo servizo para uso residencial no centro para a atención aos maiores de Cerdedo é posible grazas ao convenio que a Consellería de Política Social e o Concello de Cerdedo-Cotobade asinaron en marzo de 2018.

4 de marzo de 2019 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.