publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta autoriza o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para financiar a estación intermodal con máis de 6,1 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a autorización do convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para financiar con máis de 6,1 millóns de euros a estación intermodal.

Durante a súa intervención, Feijóo precisou que a Administración autonómica financiará o 75% das actuacións e servizos necesarios para levar a cabo a execución destas obras, cun investimento de 4,6 millóns de euros. Así, a Xunta asumirá o 100% da reforma da actual estación de autobuses, cunha achega de 2,6 millóns; e destinará 2 millóns, cofinanciados polo fondo FEDER Galicia 2014-2020, á adecuación para a intermodalidade do conxunto formado polas actuais terminais de autobuses e ferroviaria de Pontevedra.

Pola súa banda, o Concello de Pontevedra, achegará o 25% restante, máis de 1,5 millóns, para financiar o custe restante da actuación de mellora que corresponde: á conexión peonil entre as dúas estacións, á humanización da praza e aparcadoiro na cara norte da estación, á execución dun acceso suroeste e á adecuación das dársenas e liberación dos marcos do río Gafos. Ademais de comprometerse a prestar a conformidade sobre os proxectos, e promover e tramitar as xestións necesarias para poñer á disposición da Xunta os terreos e aproveitamentos necesarios para a execución das actuacións.

“As actuacións van supoñer unha mellora da actual estación de autobuses, así como a súa conexión coa de ferrocarril, e fomentará a integración coa contorna urbana”, dixo, referíndose á remodelación completa da estación de autobuses e ao vínculo peonil a través dunha pasarela, entre a dársena da terminal de autobuses e a estación de ferrocarril.

Así mesmo, tamén se levará a cabo a execución dun novo acceso á estación de autobuses sobre o río Gafos a través da rúa Josefina Arruti, o que permitirá separar os tráficos e mellorar a seguridade viaria dos viaxeiros.

Cómpre subliñar tamén que a prestación do servizo público verase favorecida pola humanización da praza frontal, a optimización do aparcamento actual e a reserva de prazas para taxi e unha zona para parar, pero non estacionar de recibimento aos viaxeiros.

O presidente da Xunta aseverou que unha vez executada a obra de mellora da intermodalidade, axilizarase o intercambio modal e dotarase á cidade dunha estación adaptada ás últimas esixencias de accesibilidade. Todo isto baixo a previsión de licitar as obras esta primavera. “Estamos ante un proxecto bo e intelixente para a cidade de Pontevedra”, dixo.

Feijóo concluíu lembrando que a de Pontevedra súmase ás intermodais de Santiago, Ourense e Vigo, polo que neste ano 2019 estarán en construción catro estacións destas características na Comunidade, confirmando así o “compromiso coa intermodalidade” da Xunta.

7 de marzo de 2019 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.