publicidade hoxe

A Xunta anuncia aos sindicatos que convocará nos vindeiros meses un concurso de traslados para persoal funcionario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia anunciou hoxe ás organizacións sindicais na reunión da Comisión de Persoal que nos vindeiros meses convocará un concurso de traslados para persoal funcionario con 1.500 postos, o que supón un incremento do 16% respecto ao anterior concurso.

De feito, o número de prazas que se prevén ofertar neste novo proceso será superior ao de anteriores concursos de traslados. En concreto, no concurso convocado en 2015 a Xunta ofertou 1.288 postos, o que supuxo tamén un incremento do 19% sobre o número de postos da anterior convocatoria de 2013, na que foran convocados 1.085.

O concurso de traslados é un procedemento moi demandado polos empregados públicos. A través deste proceso a Administración cubre os postos de traballo vacantes, e o persoal funcionario pode cambiar voluntariamente do seu posto de traballo a outro que se adapte mellor ás súas preferencias. Así, garántese o dereito á mobilidade dos empregados públicos sen que supoña un aumento de custos para a Administración.

Ademais, un empregado público pode obter unha praza nun lugar máis próximo á súa zona de residencia, reducindo desprazamentos diarios e favorecendo a conciliación da súa vida familiar e laboral. Tamén permite mellorar a progresión profesional dos traballadores, posto que os participantes nos concursos de traslados poden acceder a unha praza de maior nivel.

27 de marzo de 2019 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.