publicidade hoxe

A Xunta abre o prazo de solicitude de Emprega Parados de Longa Duración con axudas para a contratación e formación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas do programa Emprega Parados de Longa Duración ás que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina dous millóns de euros para apoiar a formación e contratación de desempregados nas empresas galegas.

Deste xeito, finánciase, por unha banda, cun bono formación ás persoas sen emprego para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

Con respecto ao bono formación, incentívase con 2000 euros a cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses para que reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas.

En canto aos incentivos á contratación, as contías varían segundo o programa aínda que aumentarán nun 25% se a empresa conta con máis de 50 traballadores e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70% e noutro 25% no caso de que a actividade pertenza a un sector estratéxico. Os apoios tamén aumentarán nun 25% para outros colectivos con máis dificultades para atopar un traballo como son, por exemplo, os emigrantes retornados e se o centro de traballo está emprazado no rural.

As axudas base para a contratación de 12 meses a xornada completa dos parados de longa duración suman como mínimo 5000 euros, incrementándose ata os 10.000 euros si se trata dun contrato indefinido.

Emprega Parados de Longa Duración forma parte do programa Galicia Emprega, co que a Xunta apoia a formación e a contratación de mulleres, mozos e mozas, e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión, ademais de parados de longa duración. Do que se trata é de impulsar o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego. Nas catro liñas de axudas -Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude- fináncianse os contratos asociados sempre á posibilidade de mellorar a formación.

20 de marzo de 2019 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.