publicidade hoxe

A Xunta abre a posibilidade de que as familias financien coa axuda do Bono Coidado servizos de ludoteca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia abre mañá o prazo para que as familias poidan solicitar o Bono Coidado, axuda directa para contratar de maneira puntual a unha persoa coidadora da filla ou fillo en supostos puntuais, por exemplo, en casos de enfermidade. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria deste programa implantado en 2016 e que presenta como principal novidade que as nais e pais poderán destinar esta axuda económica a pagar o custe dun servizo de atención e coidado non continuado normativamente habilitado, como as ludotecas.

Esta nova convocatoria do Bono Coidado ten un orzamento inicial de 1,2 millóns de euros e poderán beneficiarse as persoas con nenos e nenas menores de 12 anos que residan en Galicia e cunha renda da unidade familiar que non supere os 45.000 euros ou os 13.500 euros per cápita. A axuda cubre situacións nas que a pequena ou pequeno está enfermo ou non poida ser coidado pola persoa que o fai habitualmente, ben sexa por doenza, circunstancias puntuais de carácter laboral, asistencia deste a entrevistas de traballo ou ben pola realización de cursos de formación.

Subvencionaranse un máximo de 80 horas por familia para o totalidade do período de vigor da convocatoria, que cubrirá os servizos recibidos entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019. O número de horas incrementarase un 15% por cada nena ou neno menor de doce anos.

A contía da axuda estará determinada polos seguintes tramos segundo a renda per cápita familiar: ata os 3750 euros obterán unha axuda de 14 euros por hora de servizo a contratada, ata os 7.500 euros será de 11 euros por hora, as familias con renda per cápita ata os 10.000 euros terán unha achega de 9 euros por hora de coidador e para aquelas de máis de 10.000 euros, e sempre que non supere o tope establecido, a subvención por hora de servizo de coidador contratada será de 7 euros. Ademais, as mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán en todo caso a contía máxima da axuda con independencia da renda per cápita familiar.

Para facer efectiva a axuda do Bono Coidado, logo de notificada a resolución da concesión, as persoas beneficiarias disporán dunha bolsa de horas. O abono da axuda farase efectivo logo de achegarlle á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente a solicitude e as facturas orixinais da contratación do servizo acompañadas do xustificante bancario que acrediten o seu pagamento, aínda que tamén se aceptará a xustificación do pagamento en efectivo do servizo mediante un recibín de quen provea o servizo. Deberase presentar tamén xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda.

Con esta nova convocatoria do Bono Coidado, a Xunta continúa a poñer a disposición das galegas e galegos ferramentas que faciliten a conciliación da vida familiar e laboral. De feito, esta medida súmase a outras que teñen este mesmo propósito como son o Bono Concilia, o aumento de prazas públicas de 0 a 3 anos en escolas infantís, as Casas Niño no rural ou o financiamento da construción e posta en marcha de escolas infantís en polígonos industriais.

8 de marzo de 2019 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.