publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A XIV Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Santiago pon o foco nas gravacións domésticas, a música e as fronteiras

Presentación da mostra

Presentación da mostra

O Museo do Pobo Galego presentou hoxe a programación completa da súa XIV Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que se desenvolverá en diferentes espazos de Santiago de Compostela entre os vindeiros días 25 e 31 de marzo. As gravacións domésticas, as fronteiras e a relación do son e a música coa etnografía son as tres liñas temáticas que vertebran a carteleira deste ano, no que o cinema feito por mulleres volverá ter un peso importante.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, subliñou o papel esencial que este tipo de eventos de difusión cinematográfica xogan no sistema audiovisual galego, ao tempo que explicou que nestes momentos se atopa en proceso de resolución a convocatoria autonómica subvencións a festivais do sector. Lembrou, así mesmo, que en 2018 a MICE se sumou por vez primeira á listaxe de mostras adxudicatarias destas axudas anuais, xestionadas pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic.

Sutil fixo estas declaracións durante a presentación desta décimo cuarta edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, na que participou xunto con Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Concha Losada, vicepresidenta do Museo do Pobo Galego, e Ana Estévez, directora da MICE.

Tres eixos temáticos e transversais

Como en anos anteriores, o encontro dedicaralle unha parte importante da súa programación a filmes dirixidos por mulleres, que neste caso supoñen arredor da metade dos títulos incluídos tanto na sección oficial como fóra de concurso. Desta volta, por exemplo, a sección específica Impropias incide no obxectivo de lle dar maior visibilidade ao cinema feito por realizadoras baixo o lema Mulleres nas estremas. As profesoras Margarita Ledo e Marta Pérez Pereiro coordinaron esta escolma, que abordará a temática das fronteiras físicas e simbólicas desde un enfoque de xénero.

Outro dos eixos transversais desta edición son as gravacións caseiras como material indispensable para este xénero cinematográfico. Así o salientou Jacobo Sutil, quen se referiu concretamente á primeira das sesións, que xirará arredor do cinema doméstico coa presenza de Xisela Franco. A cineasta amosará o traballo que realizou a partir do arquivo familiar en Super8 do enxeñeiro vigués Manoel da Costa, quen tamén participará nesta apertura xunto con Pablo Gómez, da asociación La Cinematográfica.

O terceiro fito temático da MICE será a relación entre a música e a etnografía a través dos filmes da sección Trazas, programada polo Cineclube de Compostela e na que se poderán ver cantos de traballo nunha prisión de Texas, o fandom da banda Judas Priest, os instrumentos do folclore cubano, Peret tocando no ámbito familiar ou os Telephones Rouges tocando nun piso na Coruña.

Premio á Mellor Película Galega

O director da Agadic destacou, así mesmo, as catro fitas que compiten polo Premio á Mellor Película Galega dentro da sección oficial: Entroido en Face de Hóspedes, de David Castro; Hora silenciosa, de Noelia Muíño; a coprodución galego-británica Stockrom, de Sol Musa Juane, e Tecido resistente, de Marina Chiavegatto.

Na devandita sección oficial a concurso competirán 16 filmes procedentes de 10 países. Cinco destas películas serán estrea en España, mentres que sete delas proxectaranse por primeira vez en Galicia.

A programación completase con diferentes actividades paralelas, entre as que se atopan o obradoiro Tránsito á captura, impartido pola cineasta Adriana Vila e o etnomusicólogo Miguel Alonso Cambrón, mais o taller familiar Facemos cinema sen cámara, que desenvolverá a Asociación Espacio Rojo.

Todas as proxeccións da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico son de balde. No caso das programadas no Teatro Principal e en Numax será preciso retirar a entrada nos correspondentes despachos de billetes, mentres que as sesións no Museo do Pobo Galego e no Museo das Peregrinacións serán de acceso libre ata completar a capacidade.

21 de marzo de 2019 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.