publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A obra do artista e arquitecto René Heyvaert protagonizará a nova exposición do CGAC

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á presentación da exposición retrospectiva do artista e arquitecto belga René Heyvaert no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) que se poderá visitar a partir do sábado as 12,00 horas. Trátase dunha mostra comisariada por Santiago Olmo, director do CGAC, e Anne Heyvaert, filla do artista e profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

O obxectivo desta exposición é presentarlle ao público a complexidade do traballo de René Heyvaert dun xeito articulado. Para iso, dividiuse a mostra en seccións de carácter temático que priman cuestións formais e de metodoloxía sobre unha orde propiamente cronolóxica. Isto permite comprender mellor o alcance e as intencións da súa obra. Nesta liña, encontramos, entre outras, seccións dedicadas á arquitectura, á natureza ou aos debuxos sobre papel.

Cómpre destacar que esta é a primeira exposición monográfica dedicada a traxectoria do artista e arquitecto belga que se fai fóra das fronteiras do seu país natal. Destacar tamén que, co gallo desta mostra, o CGAC editará un catálogo da exposición no que se contextualizará a obra de Heyvaert na escena belga e internacional, incidindo na dobre vertente arquitectónica e artística do seu traballo, así como na influencia da súa obra na de xeracións posteriores de artistas belgas. Ademais dos textos dos comisarios, Anne Heyvaert e Santiago Olmo, esta publicación contará tamén con contribucións do arquitecto Pedro de Llano e do profesor Wouter Davits, da Universidade de Gante.

Colaboración co M-Museum Leuven de Bélxica

Esta mostra foi realizada en colaboración co museo M-Museum Leuven de Bélxica onde, entre outubro 2018 e xaneiro 2019, tivo lugar unha exposición retrospectiva de René Heyvaert, comisariada por Eva Wittockx e Peter Swinnen e realizada con fondos propios e obras pertencentes a outros museos, como o S.M.A.K. de Gante ou o MHKA de Amberes, e a coleccionistas particulares de Bélxica.

Ambas exposicións comparten un mesmo núcleo de obra, aínda que difiren nas súas formulacións e percorridos. Ademais, o CGAC contou nesta ocasión coa entidade que xestiona o patrimonio do artista, representado na actualidade pola galería Clearing de Bruxelas e Nova York.

7 de marzo de 2019 | 19:19 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario