publicidade hoxe

A composición das xuntas de directores e directoras de centros deberá garantir a paridade entre sexos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se modifica a composición das xuntas autonómicas e a Xunta Provincial de Directores e Directoras de centros de ensino non universitario, cuxa composición deberá garantir, a partir de agora, a paridade entre sexos.

Logo de máis de dúas décadas en vigor da normativa pola que se crearon e regularon as xuntas provinciais de directores como canle institucional de participación e colaboración en materia educativa, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional actualiza dita normativa co obxectivo de promover unha composición máis axeitada ao principio de igualdade e, polo tanto, fomentar unha maior presenza das mulleres nestes órganos, tendo en conta tamén a representatividade de xénero que na práctica xa existe entre o profesorado e as direccións dos centros educativos.

Galicia conta con catro xuntas provinciais de directores e directoras de centros de ensino non universitario compostas por 14 persoas directoras nos casos da Coruña e de Pontevedra e 10 persoas directoras nos casos de Lugo e Ourense. Así mesmo, hai unha Xunta Autonómica de Directores e Directoras integrada por catro persoas directoras pertencentes a cada unha das xuntas provinciais.

A partir da entrada en vigor desta Orde, estas xuntas provinciais así como a autonómica terán unha composición paritaria, co mesmo número de homes e mulleres entre os candidatos que opten a estes postos.

7 de marzo de 2019 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.