publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Cidade da Cultura festexa o Día do Libro cun concerto de Gustavo Almeida na Biblioteca de Galicia

A Cidade da Cultura celebrará o venres 26 de abril un concerto do cantautor brasileiro Gustavo Almeida na Biblioteca e Arquivo de Galicia, dentro do programa de actividades da Dirección Xeral de Políticas Culturais para conmemorar o Día do Libro (23 de abril). O artista, que leva 20 anos instalado en Galicia, actuará coa súa banda no Auditorio Neira Vilas e as entradas xa están á venda.

O cantautor acaba de sacar este ano 2019 novo traballo, Vértice, o cuarto da súa carreira, onde ofrece unha mestura entre a cultura brasileira e a española con fusión de estilos. As súas raíces cariocas están presentes sempre nas súas composicións a través de melodías, harmonías e textos. No entanto, nesta ocasión, este traballo supón un punto de inflexión xa que se mesturan estilos como o pop, o funk ou a canción de autor.

Vértice chega da man dun dos produtores máis respectados e valorados da escena musical española: o valenciano Nacho Mañó, integrante de Presuntos Implicados e produtor dalgúns dos máis memorables discos de Alejandro Sanz, Niña Pastori, Revólver, Lolita, Armando Manzanero e, evidentemente, Presuntos Implicados, entre outros.

Preselección nos Grammy latinos

Vértice está composto por 12 temas que soarán no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, no que Gustavo Almeida estará acompañado da súa banda. Precisamente, un deles, Foi de repente, estivo preseleccionado na última edición dos Grammy latinos na categoría Gravación do ano.

A biografía de Almeida reflicte un cantautor atípico. Chegou a Galicia a mediados da década dos 80 como futbolista do Real Club Celta de Vigo. Pero, finalmente, a súa vea artística levouno a ser un dos referentes musicais dos escenarios galegos.

As entradas xa se poden adquirir no Museo Centro Gaiás ou a través de Ataquilla.com, tanto online como nas súas oficinas, e na páxina web da Cidade da Cultura.

28 de marzo de 2019 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.