publicidade hoxe

A atención primaria triplicará o seu orzamento cun plan de necesidades de 17,3 millóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe que a atención primaria triplicará o seu orzamento e contará cunha partida diferenciada. En concreto, Almuiña cifrou este orzamento en 17,3 millóns en dous anos (2019 e 2020). Así o trasladou o conselleiro esta tarde na reunión que mantivo cos médicos que participaron nos grupos de traballo para reformular o modelo de atención primaria para os vindeiros 25 anos, e no que lles concretou o plan de necesidades para este primeiro nivel asistencial.

O titular do departamento sanitario galego manifestou que este orzamento vai cubrir as necesidades de equipamento, mobiliario e dotacións informáticas, así como as reformas dos centros de saúde. “As necesidades canalizaranse sempre a través dos xefes de servizo de cada centro de saúde e estes elevarán as peticións á Xerencia”.

Respecto ás actuacións que se van a levar a cabo neste plan, contemplado no borrador do novo modelo de atención primaria, o conselleiro destacou que no apartado de equipamento informático cambiarase o 100% das impresoras e se substituirá o 25% dos equipos informáticos. Tamén se adaptará a historia clínica electrónica (IANUS) a un novo proceso de funcionamento que irá coordinado coa teleasistencia e que será implantado en todos os postos asistencias. Mellorarase a historia social, única para atención primaria, xa que segundo afirmou Almuiña, o traballo social é fundamental neste novo modelo. Asemade subliñou que se mellorará o IANUS en canto a pediatría, fisioloxía e outras especialidades que forman parte do equipo de primaria.

“Con este plan imos poñer ao día as necesidades de equipamento, mobiliario, dotación informática e pequenas reformas”, dixo o conselleiro, quen engadiu que aparte deste investimento de 17,3 millóns a Consellería de Sanidade conta cunha partida para novos centros de saúde nas distintas áreas sanitarias, algúns dos cales xa se están levando a cabo.

Abertos ao diálogo

O titular da carteira sanitaria reiterou que o borrador para o novo modelo deste primeiro nivel asistencial, presentado a mediados do pasado mes de febreiro e que recolle 175 accións a desenvolver a curto, medio e longo prazo, non está pechado. E, neste senso, indicou que o departamento sanitario galego quere seguir escoitando a todas as partes implicadas e seguir mantendo encontros con todos os profesionais de todas as categorías e todos os colectivos implicados para concretar e definir o novo modelo da atención primaria do futuro en Galicia. Nesta liña, manifestou que a Consellería e o Sergas seguen abertos ao diálogo e ás achegas. “Imos a esgotar todas as vías de diálogo e entre todos construír un novo modelo”, indicou o conselleiro.

Almuiña lembrou que o borrador do novo modelo de atención primaria, que recolle 175 accións a curto, medio e longo prazo, é froito dun proceso multidisciplinar e participativo, no que a Consellería de Sanidade e o Sergas avogaron por adoptar decisións compartidas.

O texto recolle as achegas formuladas por máis de 100 profesionais de todas as categorías, nas 21 reunións mantidas ao longo de todo o proceso e constituídos en 10 grupos de traballo. Tamén se tiveron en conta as propostas dos profesionais a través dos correo electrónicos e as aportadas polos colexios profesionais, as asociacións científicas, o Consello Asesor de Sanidade e o de Pacientes, ademais das achegas da cidadanía a través das 4.549 enquisas telemáticas rexistradas na plataforma É-Saúde.

Na xuntanza tamén estiveron presentes o xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal.

6 de marzo de 2019 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.