publicidade hoxe

Xunta, Obradoiro CAB e Ecoembes colaboran para impulsar a recollida selectiva entre os seus socios e afeccionados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, xunto co Obradoiro Clube de Amigos do Baloncesto (CAB) e a organización sen ánimo de lucro Ecoembes, continuará a desenvolver ao longo deste ano unha serie de accións dinámicas, de comunicación e de carácter divulgativo para fomentar a recollida selectiva de envases lixeiros, papel e cartón entre os seus socios e afeccionados.

Esta liña de colaboración co club compostelán enmárcase no convenio marco subscrito entre a Xunta e Ecoembes no que se fixan os compromisos e obrigas que rexerán para ambos ata o ano 2021 en relación á recollida selectiva deste tipo de residuos. O obxectivo común das accións a desenvolver é contribuír ao impulso da economía circular no conxunto da comunidade e, neste caso concreto, no eido deportivo da alta competición.

Neste sentido, desde o ano 2017 véñense realizando varias iniciativas destinadas a promover a separación de envases lixeiros, papel e cartón en clubs e instalacións vencelladas a distintas disciplinas deportivas en Galicia. En total, esta liña de actuación conta cun orzamento de 200.000 euros, financiado con cargo ao convenio marco Xunta-Ecoembes. Concretamente, no caso do Obradoiro CAB a partida asignada ascende a 15.000 euros, que poderá destinar á realización de accións educativas coas categorías inferiores do club, formación para os seus empregados, xogos de reciclaxe ou actuacións para fomentar a recollida selectiva durante os partidos.

Ademais do Obradoiro CAB, tamén o Real Club Deportivo, o Liceo Hockey Coruña, o Santiago Futsal, o Basquet Coruña e o Real Club Celta de Vigo están adheridos a esta iniciativa, que busca a promoción da recollida selectiva no interior das súas dependencias e contribuír á vez á concienciación sobre o coidado do medio ambiente dos afeccionados que as visitan e utilizan habitualmente.

Reciclaxe de envases en Galicia

En virtude do acordo entre o Obradoiro, Ecoembes e a Consellería de Medio Ambiente, as entidades promotoras comprométense a traballar en conxunto para seguir incrementando as cantidades de envases, papel e cartón recuperadas en Galicia. Máis concretamente, prevese a realización de actividades a pé de rúa e talleres dinámicos dirixidos aos espectadores e afeccionados do club de básquet compostelán.

O Obradoiro CAB, ao igual que o resto de clubs colaboradores, amosa deste xeito o seu compromiso co medio ambiente, a sustentabilidade e a reciclaxe, proxectando entre os seus afeccionados valores que van máis alá do plano estritamente deportivo e que benefician ao conxunto da sociedade.

Paralelamente, esta colaboración entre Xunta, Ecoembes e entidades deportivas como o CD Obradoiro permitirá tamén seguir avanzando no obxectivo de incrementar as actuais ratios de recuperación dos residuos de envases domésticos na comunidade, un hábito cada vez máis instaurado nos fogares galegos.

1 de febreiro de 2019 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.