publicidade hoxe

Xunta e Ecoembes destinan 1,5 millóns de euros ao ‘Plan Galicia Recicla’ para mellorar as taxas de reciclaxe de envases lixeiros e papel-cartón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Ecoembes, entidade sen ánimo de lucro, destinarán un orzamento de case 1,5 millóns de euros ao Plan Galicia Recicla, unha iniciativa coa que se persegue mellorar as taxas de reciclaxe de envases lixeiros e papel cartón.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro delegado de Ecoembes, Óscar Martín Riva, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que informaron das distintas iniciativas que se levarán a cabo ao longo do presente ano para mellorar as cifras actuais de reciclaxe -das que tamén deron conta- que se resumen nun incremento dun 11,4% máis de papel-cartón e nun 9,8%, de envases lixeiros (plásticos, latas e bricks), respecto das cifras rexistradas no ano 2017.

Ángeles Vázquez salientou que o Plan Galicia Recicla recolle diversos programas para mellorar a reciclaxe deste tipo de residuos urbanos, a través da sensibilización e concienciación da sociedade sobre a importancia do coidado do noso entorno, do medio natural e da biodiversidade.

Unha das apostas que se está a definir para este ano é a ampliación ao Camiño Inglés da iniciativa que leva por nome Camiño da Reciclaxe, coa que se busca concienciar aos peregrinos sobre a importancia da recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón e a súa reciclaxe. A conselleira indicou que se trata dunha acción fundamental para a que cómpre estar preparados de cara ao gran acontecemento que suporá o Xacobeo 2021. Indicou que neste ano se reservarán 180.000 euros para aumentar o número de albergues que están xa adheridos a esta iniciativa, case 220.

Mellorar a separación de envases en orixe por parte dos locais de hostalería, restauración e catering é un dos obxectivos que fixa o Proxecto Horeca, ao que se destinarán 150.000 euros. Este programa chega, na actualidade, a case 1.400 locais en toda Galicia, polo que no presente ano se intentará ampliar o número de entidades e locais que participan no mesmo.

Campañas de concienciación

A conselleira de Medio Ambiente destacou que unha peza fundamental para acadar unha correcta separación dos residuos é a concienciación e a información, polo que tamén se continuará co desenvolvemento das campañas.

Citou Separar con xeito, que percorre feiras e eventos culturais e gastronómicos e que xa ten recalado en case 650 citas en toda Galicia; Pensa cos pulmóns, que incide na importancia de reciclar para mellorar a calidade do aire e que complementarán as mensaxes doutras iniciativas como Únete ao reto, dirixidas aos concellos, ou as accións postas en marcha no eido deportivo, co fin de fomentar a recollida selectiva.

Asemade, indicou que para facilitar a separación aos cidadáns é preciso dispoñer das infraestruturas para que os veciños podan depositar os residuos, polo que neste 2019 se procederá á instalación de 1.000 novos contedores de envases lixeiros e de 400 de papel-cartón en Galicia.

Pola súa banda, o conselleiro delegado de Ecoembes salientou a implicación dos galegos co medio ambiente crece ano ano e mostran a súa responsabilidade coa súa contorna a través de xestos individuais como a reciclaxe, que ten beneficios directos no medio ambiente, tanto en aforro de emisións de CO2 como en consumo de auga e enerxía, así como para manter os espazos naturais libres de basuraleza (residuos abandonados polo ser humano na natureza).

Dez puntos máis de recollida

Ángeles Vázquez salientou que a combinación destas dúas vertentes, posta en marcha de accións e instalación de infraestruturas, están en boa medida detrás das cifras de recollidas ao longo de 2018, que se incrementou nun 9,8% no caso dos envases lixeiros e nun 11,4% no caso dos residuos que se depositan no contedor azul (papel-cartón); tal e como apuntan os datos provisionais dos que dispón Ecoembes.

En definitiva, cada vez é maior a concienciación dos galegos e galegas co coidado do medio ambiente e dos beneficios que a reciclaxe supón para o noso entorno e para o noso futuro; en definitiva, pouco a pouco avánzase cara un modelo de economía circular, baseada no máximo aproveitamento dos produtos e a transformación dos residuos en recursos.

13 de febreiro de 2019 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.