publicidade hoxe

Rosalía Morlán presenta no CGAC de Santiago o poemario-conto “O dragón Antón e o sapo Rosendo”

Rosalía Morlán

Rosalía Morlán

O CGAC de Santiago (Centro Galego de Arte Contemporánea) acolle este sábado 16 de febreiro, ás 18.00 h, a presentación do poemario-conto ilustrado “O dragón Antón e o sapo Rosendo”, da autoría de Rosalía Morlán e publicado por Edicións Fervenza.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada do escritor, investigador e crítico literario, Armando Requeixo; do concelleiro responsable de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela, Manuel Dios; do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; e do ilustrador do poemario-conto, Gabriel Iglesias.

Contarase ademais cun recitado de poemas a cargo de nenas e nenos e coa actuación musical de Manoele de Felisa.

Colaboracións

A publicación deste poemario contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello da Estrada.

A obra 

Dirixido ao público infantil, O dragón Antón e o sapo Rosendo constitúe un conto ilustrado no que, a modo de poemario, descubrimos aos dous protagonistas, o dragón Antón e o sapo Rosendo, que dende hai séculos viven no Castelo de Rocha Forte. Non obstante, unha noite de verán deciden fuxir xuntos para ver como é a vida fóra do castelo e cumprir o seu desexo de atopar a risa, a casa do vento e a fada dos caramelos. Xuntos, vivirán grandes aventuras, coñecerán amigos e descubrirán lugares máxicos. 

Trátase dun conto, ao que dá vida Rosalía Morlán cos seus versos mentres a aportación gráfica, con debuxos que encandilen aos máis cativos corre a cargo do ilustrador Gabriel Iglesias. 

A autora

Rosalía Morlán Viéites, (Trazo, A Coruña, 1959) exerce como supervisora de enfermaría no Hospital de Conxo (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago), sendo ademais profesora asociada de Ciencias da Saúde na Universidade de Santiago de Compostela.

Ten colaborado nas revistas Gemma, Clarín, La Peñorra, Acentor e Promesas; así mesmo os seus poemas forman parte da publicación Antología Clarín dePoesía, tomo II, da Editorial El Paisaje (1982).

Os seus traballos foron premiados en diferentes certames literarios: 1º premio (Cardo de Prata) na XIII edición da “Fiesta del Aquelarre Poético Hogueras de San Juan” (A Coruña) nos anos 1983, 1984, 1988 e 2001. Finalista do premio de poesía “Rosa de Oro”. Gañadora do V Premio de poesía sobre la mar “Brisa marina” (2011) e do premio “Hernán Esquío” de poesía en dúas ocasións (2012 e 2017) que convoca a SAF (Sociedad Artística Ferrolana). A coitada lúa (Edicións Fervenza, 2010) resultou finalista (mención de honra) do premio “Arume” de poesía (2009).

Entre as súas publicacións destacan Estrelas de azucre (Edicións Fervenza, 2012), O libro do mundo dos soños (Técnicas & Gramaxe, 2013), O Castelo da Rocha Forte (Asoc. Cultural Rocha Forte, 2014), Canta a lúa coas estrelas (Edicións Fervenza, 2015), Nas rúas de Compostela (Edicións Fervenza, 2016).

O ilustrador

Gabriel Iglesias Sanmartín (Pontevedra, 1979) é ilustrador e debuxante de cómics de vocación e de profesión. Antigo delineante, ingresa no ano 2006 na Escola de Artes Pablo Picasso (A Coruña) para cursar un ciclo superior de ilustración, etapa durante a que crea, xunto a varios compañeiros de estudos, o colectivo “Sinónimos de Lucro”,  publicando o fancine semestral homónimo, que viu a luz en 2009 mediante a autoedición. Publica a serie Ganar una Guerra, que conta con sete capítulos.

Simultaneamente, comeza a colaborar coa revista de cómics El arca de las Historietas, publicando ata cinco historias curtas autoconclusivas, traballando con distintos guionistas.

Actualmente traballa como debuxante da serie La curandera da editorial Drakul baixo o selo Likantro, cuxo primeiro número foi presentado en “Heroes Comic Con” de Madrid.

Como ilustrador, realizou varios proxectos en distintas disciplinas, incluíndo o deseño de personaxes para videoxogos, entintador, ilustracións por encargo e traballos para publicidade.

13 de febreiro de 2019 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.