publicidade hoxe

Representantes da Consellería de Sanidade e dos sindicatos reúnense para avanzar na contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Flores Arias, mantiveron, ao longo da maña de hoxe, diferentes reunións cos representantes dos sindicatos con presencia no sector do transporte sanitario urxente terrestre co obxectivo de avanzar na elaboración do procedemento de contratación do citado servizo.

Os representantes da Consellería de Sanidade mantiveron encontros de xeito individual con Oscar Vázquez Vázquez, responsable de transporte sanitario de UGT, Roberto Rodríguez García, responsable de transporte sanitario de CCOO, e Xesús Pastoriza Santamarina, secretario federal de transportes do sindicato CIG, nas instalacións do CIAE-112 da Estrada, nas que desde o pasado mes de outubro ten a súa sede Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Nestes encontros tratáronse aspectos significativos do procedemento para a contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre relativos ás cláusulas sociais do mesmo, notablemente ampliadas desde a entrada en vigor da nova Lei de Contratos do Sector Público. As reunións serviron para coñecer os motivos da convocatoria de folga establecida para as vindeiras datas.

Xornadas de folga
Por outra banda, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, no contexto da convocatoria de varias xornadas de folga que comezan ás 00:00 horas de mañá, subliña que as desavinzas pola negociación do convenio colectivo constitúen un asunto entre as empresas do sector e as organizacións sindicais con representación nas mesmas.

Ademais, o servizo encargado da prestación de atención sanitaria urxente no medio extrahospitalario volve facer un chamamento á responsabilidade de todos os sectores implicados e recorda que o dereito a folga debe manifestarse con total respecto aos bens e ás persoas.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a cobertura sanitaria ás urxencias, ao tempo que condena as accións ou actos vandálicos sobre vehículos e medios asistenciais que puideran ter repercusións sobre a asistencia sanitaria da cidadanía.

7 de febreiro de 2019 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.