publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O goberno galego impulsa o emprego dun cento de persoas co programa integrado ‘Avanza na Mariña Lucense II’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal PortadaLugo
A-
A+

O Programa Integrado de Emprego (PIE) Avanza na Mariña Lucense II está a formar nesta comarca a un total de 100 persoas sen emprego para impulsar a súa inserción no mercado de traballo. Trátase dunha iniciativa que financia ao 100% a Xunta a través dun orzamento de 250.000 euros. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe aos alumnos e alumnas desta actuación que se desenvolve ao longo dun ano co obxectivo de acadar unha inserción laboral do 35%. Os participantes, que proceden de Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, A Pontenova, Riotorto, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro, son principalmente menores de 30, maiores de 45 anos, persoas con capacidades diferentes e/ou en risco de exclusión social, parados de longa duración e mulleres vítimas de violencia de xénero.

Marnotes salientou o bo resultado dos programas integrados que teñen como reto principal incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. Neste senso, sinalou a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

A través do Avanza na Mariña Lucense II, os alumnos e alumnas están a recibir formación específica nos sectores vinculados aos servizos e agrario, os dous campos con máis saídas laborais da comarca, xa que os programas integrados de emprego están adaptados á demanda das empresas da contorna.

En concreto, estase a impartir cualificación en operacións básicas de restaurante, agricultura ecolóxica, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, auxiliar en conservación e mellora de montes e en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Así mesmo, ofrécese formación transversal en novas tecnoloxías, técnicas de busca de emprego, técnicas de coaching, inglés, galego, carné de manipulador de alimentos e obradoiros sobre emprendemento, entre outros.

Na actualidade, estanse desenvolvendo en toda Galicia 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades e cun investimento de 11 millóns de euros, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.

Nesta edición do programa priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

18 de febreiro de 2019 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.