publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica a aprobación do proxecto de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, en Sanxenxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaSanxenxo
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se resolve o expediente de información pública e se aproba a actualización do proxecto de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, en Sanxenxo.

Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información.

Trátase dun proxecto que define as actuacións para a mellora da seguridade viaria, redactado no marco da estratexia que está a desenvolver a Xunta para eliminar os chamados puntos negros na rede autonómica de estradas, e no que a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade prevé investir preto de 530.000 euros.

Cómpre sinalar que tras a información pública se introduciron no proxecto pequenas modificacións para atender ás solicitudes das asociacións de ciclistas, tendo en conta que o treito obxecto da actuación forma parte dunha ruta ciclista cualificada coma protexida pola Dirección Xeral de Tráfico. Neste sentido, sinalizarase a presencia de ciclistas no tramo e substituiranse os fitos de aresta inicialmente previstos nas interseccións para evitar o aparcadoiro pola ampliación da beirarrúa nos cruces.

As actuacións desenvolveranse no tramo da PO-308 comprendido entre o punto quilométrico 12+450, despois do miradoiro da Granxa, e o punto quilométrico 15+200, antes de chegar a Nanín.

As intervencións previstas no tramo consistirán na construción dunha glorieta na intersección do punto quilométrico 13+760 coa estrada provincial de acceso á praia de Areas. Neste punto existe un cambio de sentido con carril central de espera que non ten eliminado a accidentalidade da intersección.

Dende o punto quilométrico. 12+760 ao 13+700, na zona da curva dos Cotos, renovarase o firme, reforzarase a sinalización e balizamento e os sistemas de contención.

Ademais ampliarase a plataforma da estrada para acondicionar as paradas de bus existentes no treito, para evitar que os autobuses interfiran o tráfico durante as paradas. Executarase algún pequeno tramo de senda peonil no espazo ocupado pola cuneta desde as paradas de bus ata o paso de peóns máis próximo.

Tamén se modificarán as beirarrúas existentes nas interseccións do tramo para adaptalas á normativa de accesibilidade e se reforzará a sinalización de limitación de velocidade e nos pasos de peóns para facilitar a súa percepción.

No marco desta estratexia para a supresión de tramos de concentración de accidentes nas vías autonómicas, tamén está en execución outra actuación na estrada PO-308, nos Concellos de Poio e Sanxenxo, coa que se prevén obras similares entre O Covelo e o miradoiro da Granxa.

Estas actuacións súmanse ao conxunto de obras planificadas para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-308 nos concellos de Sanxenxo e Poio, cun investimento total de 15 millóns de euros.

18 de febreiro de 2019 | 15:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.