publicidade hoxe

Nava Castro salienta en Moraña os 3 millóns de euros que Cultura e Turismo destina ao impulso do rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaMorañaPontevedra
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe en Moraña o resultado dos traballos de mellora da accesibilidade á Capela de Santa Margarida realizados ao abeiro das liñas de axuda ás entidades locais que anualmente convoca a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Turismo de Galicia. Estas subvencións –das que o ano pasado se beneficiaron preto de 160 entidades locais- contribúen ao impulso turístico do rural galego.

Durante a visita, Nava Castro salientou a importancia destes traballos para diversificar a oferta axudando aos concellos galegos á posta en valor dos seus recursos, un compromiso permanente da Consellería de Cultura e Turismo para o que este ano se intensificaron os esforzos. A convocatoria de liñas de axuda de 2019 ascende a 3 millóns de euros, un 20% máis que a partida inicial que se destinara o ano pasado para o mesmo fin.

Os traballos realizados en Moraña -para os que a Xunta achegou preto de 40.000 euros- permitiron mellorar a contorna facilitando así o acceso peonil de veciños e visitantes, ao mesmo tempo que se fomenta a conservación e coñecemento dun recurso destacado desde o punto de vista patrimonial e cultural. Será un novo atractivo para este concello pontevedrés, situado no xeodestino Ría e Terras de Pontevedra, onde o número de viaxeiros á totalidade destes municipios supuxeron case o 14% dos visitantes da provincia de Pontevedra. Especial foi tamén o crecemento do turismo internacional, cunha suba de case o 14% e de indicadores como a estadía media, que medrou o ano pasado un 3%.

Outras convocatorias abertas

Ademais desta liña de subvencións –que, tras pechar o seu prazo o luns, comeza agora a fase de valoración de proxectos-, a Consellería de Cultura e Turismo mantén abertas outras convocatorias para os concellos galegos. Ata o 22 de febreiro está aberto o prazo das liñas para contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos e dos xeodestinos, para o que se destinará un total de 300.000 euros.

Tamén está aberta, neste caso ata o 25 de marzo, a terceira convocatoria dos Premios Galicia Parabéns cos que a Consellería distinguen as actuacións públicas dirixidas a conservar e embelecer as paisaxes galegas e para o que se conta cun investimento de 800.000 euros para 2019 e 2020.

20 de febreiro de 2019 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.