publicidade hoxe

Medio Rural investiu 17 millóns de euros na mellora da transformación e comercialización de 30 industrias lácteas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, desprazouse hoxe ata o concello de Vilalba para coñecer as instalacións da queixería Don Crisanto, onde destacou a importancia de incrementar o valor da produción a través da transformación da materia prima. Así, explicou que para este cometido no ano 2018 investíronse 17 millóns de euros en axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios a 30 empresas do sector lácteo.

O conselleiro, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, fixo fincapé no compromiso do seu departamento polo desenvolvemento das industrias agrogandeiras galegas a través desta liña de achegas para produtos agrarios. Neste senso, salientou que o pasado ano se destinaron en total máis de 30 millóns de euros para a posta en marcha de 97 proxectos, que mobilizaron un investimento en Galicia de máis de 89,3 millóns de euros. Do montante global das axudas aprobadas, o 59% foron precisamente para empresas do sector lácteo.

Así, o titular de Medio Rural lembrou que as industrias agrarias teñen un carácter estratéxico na nosa comunidade por ser un elemento clave para o desenvolvemento do sector agrario, que ademais de dinamizar o noso agro permiten impulsar a actividade económica da zona e crear novos postos de traballo.

José González puxo a esta queixería luguesa como claro exemplo de proxecto sustentable, pois souberon darlle valor engadido ás súas producións co fin de poder competir nos distintos mercados e diferenciarse grazas á calidade do seu produto, recoñecido xa en varios certames gastronómicos. Concretamente, na pasada edición das Catas de Queixos de Galicia 2018 recibiron dúas distincións de ouro nas categorías de queixo Tetilla e queixo San Simón, ademais dun premio especial ao mellor queixo de España que outorga o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Don Crisanto

A queixería Don Crisanto, beneficiaria destas achegas de transformación e comercialización, comezou a súa actividade no ano 1990 e logo de diversas ampliacións constituíuse como Sociedade Agraria de Transformación (SAT). Todo o leite producido na súa explotación dedícase á produción de queixo e, ademais, mercan leite a produtores da zona. De media anual transforman aproximadamente unhas 850 toneladas de leite, das que obteñen algo máis de 91 toneladas de queixo. Da súa produción queixeira, un 90% véndese en Galicia, un 8% no resto de España e o 2% restante na Unión Europea.

1 de febreiro de 2019 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.