publicidade hoxe

Medio Rural colabora na modernización dun estudo de deseño no concello de Soutomaior co plan Leader

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSoutomaior
A-
A+

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), destinou case 109.000 euros das axudas do plan Leader á modernización dun estudo de deseño industrial no concello de Soutomaior.

Esta iniciativa, que foi promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 15 Pontevedra-Morrazo, consistiu na posta en marcha dunha nova sede da empresa FrutoDS, co obxectivo de conseguir unha maior eficiencia e modernización dos servicios que ofrece este estudo a través da impresión 3D. O orzamento mobilizado por dita entidade supera os 260.000 euros.

O propio director de Agader, Miguel Pérez Dubois, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou hoxe as instalacións desta nova sede para supervisar as obras realizadas e comprobar as melloras acadadas. O director xeral destacou a necesidade de dotar ao rural galego dos mesmos servizos que os cidadáns poden ter nas urbes, para mellorar así a calidade de vida da poboación, e felicitou aos donos da empresa pola súa aposta no rural.

Neste senso, Pérez Dubois sinalou que este tipo de proxectos son moi importantes á hora de dinamizar o rural, facelo atractivo e ademais xerar unha actividade económica. Ademais, resaltou o traballo que realizan os 24 grupos de desenvolvemento rural en conseguir estes obxectivos, pois son precisamente eles os que determinan onde se debe investir para acadar un medio rural máis vivo e dinámico.

O director de Agader tamén aproveitou para lembrar que aínda está aberto o prazo de presentación de solicitudes para a nova convocatoria das axudas Leader, sendo o orzamento deste ano de 16,5 millóns de euros. Así, os interesados en contar cunha subvención poden enviar os seus proxectos antes do 31 de marzo ao GDR correspondente. Ademais deste orzamento, os grupos de desenvolvemento rural contarán con outros 4,6 millóns de euros para gastos de funcionamento.

6 de febreiro de 2019 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.