publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural amosa a súa disposición a colaborar co concello de Cospeito na mellora dos seus camiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeitoLocal Portada
A-
A+

A Xunta e o Concello de Cospeito colaborarán na mellora das infraestruturas rurais neste municipio lugués, en concreto no que atinxe á posta en valor da súa rede de camiños locais. Así, a Consellería do Medio Rural destinará un total de 79.984 euros a este concello dentro do Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020.

O conselleiro José González e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, abordaron esta e outras cuestións de interese para os veciños nunha xuntanza de traballo en San Caetano. Ambos coincidiron en valorar a colaboración institucional nesta materia, así como noutras que teñen que ver, por exemplo, co impulso aos procesos de reestruturación parcelaria e, de maneira xeral, co fomento da mobilidade de terras.

Neste sentido, o titular de Medio Rural comprometeuse a facilitar información aos veciños sobre a situación das parcelarias, mediante charlas e encontros no propio concello aos que se desprazarán técnicos da consellería.

En relación coa posta en valor das terras agrarias, o conselleiro e o alcalde acordaron traballar conxuntamente para avanzar na posta en marcha de instrumentos de mobilización que permitan ás explotacións lácteas de Cospeito incrementar a súa base territorial. Cómpre lembrar que esta localidade lucense conta con 367 explotacións e cun censo que supera as 9.000 vacas. Estes procesos deberían permitir aumentar esa superficie dispoñible aos gandeiros nas inmediacións das súas instalacións e dotalas así de leiras que lles faciliten incrementar a alimentación propia para os seus animais, sen depender tanto de insumos externos.

Neste encontro, o rexedor trasladou tamén ao conselleiro a súa petición en relación coa mellora do firme da vía que comunica a estrada LU-P-65.01 e a estrada LU-120 Vilalba-Meira, na parroquia de Rioaveso. Unha primeira fase desta estrada, dende a igrexa de dita parroquia ata o barrio de Tenencia, está xa executada. O titular de Medio Rural comprometeuse a estudar o proxecto que queda por executar, no marco dos distintos plans de mellora de camiños da consellería. Ademais, José González atendeu a solicitude do alcalde de trasladarse a Cospeito o antes posible, para manter un encontro con gandeiros do concello.

20 de febreiro de 2019 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.