publicidade hoxe

Medio Ambiente avanza unha nova convocatoria para adquirir máis inmobles ao abeiro do programa Rexurbe en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que o Instituto Galego de Vivenda e Solo lanzará este ano unha nova convocatoria para adquirir máis inmobles na zona histórica do Concello de Ourense. Así adiantou esta mañá durante unha visita ao Casco Vello da Cidade das Burgas, onde aclarou que se buscarán ofertas na contorna dos inmobles xa adquiridos ao abeiro do programa Rexurbe, co fin de traballar na recuperación desta zona de Ourense dun xeito ordenado e equilibrado.

Vázquez Mejuto indicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo reservará un orzamento de 500.000 euros para a adquisición de novos inmobles para seguir mellorando o Casco Vello. Salientou que esta nova oferta súmase á xa realizada en 2018 e que permitiu adquirir catro inmobles cos que, tras a súa rehabilitación, se disporán de 12 novas vivendas para alugar. Na actualidade, estanse a pechar cuestións de carácter administrativo para poder pechar canto antes esta operación, que implica un investimento global (adquisición e rehabilitación) de máis de 2,5 millóns de euros.

A conselleira de Medio Ambiente destacou o esforzo que se está a facer en Ourense por recuperar o patrimonio xa construído e puxo como exemplo os traballos levados a cabo nas catro ARI declaradas no concello: a ARI do Casco Histórico, ARI do Núcleo de Seixalbo, ARI do Polvorín, Camelias e Carballeira, e ARI dos Barrios Serra de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada. Recordou que, dende a súa creación, nestas catro áreas de rehabilitación integral mobilizouse un investimento de máis de 23 millóns de euros.

Facilitar o acceso á vivenda é un reto no que o Goberno galego traballa constantemente, sobre todo naqueles concellos de Galicia nos que existe unha gran demanda. Así, en Ourense, tamén se está a traballar na adxudicación de oito vivendas de promoción pública do barrio de Covadonga, para as que a Xunta achegou preto dun millón de euros. Estes inmobles sumaranse ás 52 xa entregadas neste mesmo barrio desde o ano 2016 e que implicaron un orzamento de máis de 7 millóns de euros.

20 de febreiro de 2019 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.