publicidade hoxe

José Luis Graña Muíño presenta en Miño o libro xuvenil “A vida é dura antes dos 18”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMiñoPortada dereita
A-
A+
a_vida_e_dura_antes_dos_18_edicions_fervenza

Portada do libro

O Centro Social da Rúa, no Concello de Miño, acolle este venres 22 de febreiro, ás 20.30 h, a presentación do libro de relatos xuvenil “A vida é dura antes dos 18”, da autoría de José Luis Graña Muíño e publicado por Edicións Fervenza.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado do profesor Xosé Manuel Fernández Castro, da ilustradora do libro, Verónica Fachal e dun grupo de estudantes de ESO e Bacharelato que analizarán o libro dando a súa visión como adolescentes; en concreto, participarán Andrea Pérez, Rosalía Eiroa, Candela Forcelledo e Adrián A. Vázquez. Así mesmo, a estudante María Dopico realizará un monólogo cun texto extraído do libro.

Colaboracións

A publicación deste libro xuvenil contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a axencia de viaxes Simply Travel.

A obra

Este libro de relatos xuvenil leva ao lector a (re)vivir o difícil que é enfrontarse aos fracasos, as ilusións e as dúbidas ás que se enfronta calquera adolescente, pois “A vida é dura antes dos 18”. Nel, o autor amosa a súa capacidade para revelarnos historias nas que agroman, sempre con forza, a pulsión humana, as ilusións, as arelas, os desexos, os fracasos, as dúbidas, os medos, as decepcións da mocidade, o amor…, sempre adobiado cun sutil sentido do humor. Unha clarificadora visión dun mundo de sentimentos e emocións.

O autor

José Luis Graña Muíño nace en Cerdido (A Coruña) no ano 1955. Aos dous anos, a súa familia múdase ao concello de San Sadurniño e aos nove, ao de Narón, onde pasará o resto da infancia e mais a xuventude. A partir do ano 1978 desenvolve o seu labor como docente nas localidades de Rianxo, Cariño e Miño.
A maior parte da súa vida profesional imparte clases de Lingua Galega, amosándose especialmente activo co alumnado no desenvolvemento de actividades relacionadas co ámbito escénico: contacontos, recitais poéticos, representacións teatrais…
Ten publicado Cerdido: lingua e outras realidades (Edición de autor, 1995), monográfico sobre o seu concello natal; a novela Converxencia na cor vermella (Nuevos escritores, 2007), centrada nos efectos socio-económicos da chamada reconversión naval nas décadas dos 80 e dos 90 do século XX na zona de Ferrolterra, e a obra de teatro Itinerario do botellón (Edicións Fervenza, 2017), unha invitación á reflexión, enfeitada de humor, sobre este grave problema social. É autor, tamén, da adaptación teatral de Mar adiante (2018), obra narrativa homónima de María Victoria Moreno.

A ilustradora

Verónica Fachal Vázquez nace en Vilarmaior (A Coruña) no ano 1996. Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, na especialidade de debuxo e pintura, cursa actualmente un Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional na Universidade da Coruña.

As súas pinturas foron expostas no Ateneo Ferrolán, no Pazo da Cultura de Narón, na Pobra do Caramiñal e no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Asimesmo, forma parte do proxecto integrador “Afouzarte” xunto con Aida López Fernández e Samuel González Soliño organizando talleres de arte-terapia en centros de ensino da comunidade e diversas asociacións.

Ademais da pintura, tamén destaca noutras ramas artísticas, como a música, sendo vocalista do grupo de folk-fussión ChiculaTe de Ferrol, dende 2016.

20 de febreiro de 2019 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.