publicidade hoxe

José González defende un cambio na normativa do IRPF para beneficiar a tributación dos mozos que se incorporan á actividade agrícola e gandeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaSilleda
A-
A+
José González na xornada en Silleda

José González na xornada en Silleda

O conselleiro José González participou hoxe nunha xornada informativa organizada pola Consellería do Medio Rural e dirixida aos mozos incorporados recentemente á actividade agraria. Nela defendeu un cambio na normativa que regula o IRPF para beneficiar a tributación dos mozos que se incorporan a esta actividade produtiva.

Así, José González sinalou que a Xunta é consciente da problemática que supón a tributación das achegas de incorporación de mozos e por iso, anunciou, solicitará de novo ao Goberno central que modifique a actual normativa tributaria do IRPF.

En concreto, o conselleiro explicou que a intención da consellería é demandar ao Estado que modifique a norma que regula o IRPF para que a axuda percibida polo mozo non tribute no primeiro ano na súa totalidade, como viña sendo ata o de agora, senón que se reparta durante o período de amortización do activo adquirido, sempre cun mínimo de cinco anos. Así, a Xunta defende que o período mínimo de imputación sexa de cinco anos, o mesmo tempo polo que os mozos se comprometen a manter a actividade coa solicitude da subvención.

Esta proposta beneficia aos mozos que se incorporan nunha dobre vertente: por unha banda, evita que toda a tributación se concentre no primeiro ano de actividade, xa que é cando máis dificultades teñen os mozos para pagar. Por outra banda, ao repartirse en varios anos esa tributación (sempre cun mínimo de cinco), o beneficiario paga menos polo efecto da progresividade do imposto. Co cal, o resultado final será que o gandeiro ou agricultor pagará menos e terá máis tempo para afrontar esta obriga fiscal.

Segundo especificou o responsable de Medio Rural, a aprobación desta medida facilitaría o rexuvenecemento da actividade agraria e gandeira en lugar de supoñer unha carga económica para moitos dos beneficiarios que se viron na obriga de declarar estas achegas incluso antes de telas percibido.

Ademais, o conselleiro lembrou que non é a primeira vez que se fai esta solicitude ao Goberno central. Neste sentido, José González recordou que, hai dous anos, o grupo parlamentario popular presentou no Parlamento unha Proposición Non de Lei solicitando precisamente estes cambios na normativa do IRPF, unha iniciativa que xa daquela foi aprobada por unanimidade na Cámara. Nela instábase ao ministerio a realizar esta e outras modificacións para rebaixar a presión fiscal sobre os agricultores mozos beneficiarios destas axudas. A maiores, esta mesma solicitude fíxoa o propio presidente da Xunta nunha xuntanza mantida coa ministra de Hacienda en agosto de 2018.

Neste mesmo sentido, precisamente estas demandas de Galicia foron confirmadas recentemente polo Tribunal Económico Administrativo Rexional de Galicia que, tras a resolución da reclamación dun dos afectados, determinou que toda a axuda debía imputarse nos anos de amortización do activo adquirido.

Feira Cimag-GandAgro

Esta charla dirixida aos mozos é organizada cada ano pola Consellería do Medio Rural co obxectivo de formar e informar ás persoas incorporadas ao sector agrario e gandeiro sobre todo o relacionado coa súa profesión. Así, ademais da cuestión fiscal, explicóuselles aos asistentes asuntos como a subvención dos seguros agrarios e outras axudas que teñen á súa disposición.

A xornada desenvolveuse no marco da Feira Abanca Cimag-GandAgro que se celebra ata o sábado 23 na Feira Internacional de Galicia, en Silleda. Este certame é a principal cita profesional do sector agropecuario da nosa comunidade e a segunda feira de maquinaria forraxeira máis importante de España, só por detrás da de Zaragoza.

21 de febreiro de 2019 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.