publicidade hoxe

Galicia presenta os seus recursos turísticos no ‘Salon des Vacances’ de Bruxelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O Salon des Vacances de Bruxelas celebra este ano a súa 61 edición como un dos certames turísticos máis importantes do centro de Europa e conta, como en anos anteriores, coa presenza da oferta turística galega a través dun espazo de promoción no que participará a Consellería de Cultura e Turismo.

Así, desde hoxe e ata o vindeiro domingo, o recinto feiral Brussels Expo acolle, na capital belga, o expositor de Turespaña onde o departamento de turismo da Xunta promove os recursos e atractivos da Comunidade con dous módulos dentro do recinto español. Esta acción forma parte da estratexia de promoción exterior desenvolvida a través de Turismo de Galicia para fomentar a captación e fidelización dos distintos viaxeiros internacionais.

Os visitantes deste certame adoitan ser viaxeiros que planifican e organizan individualmente as súas vacacións, programando estadías de entre sete e quince días. Tamén a marca España Verde –formada por Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco– está consolidada neste mercado e un gran número de viaxeiros belgas percorren as rexións do norte peninsular, iniciando o seu itinerario no País Vasco e rematando na nosa Comunidade. Ademais, outro perfil de viaxeiro opta por iniciar en Galicia a súa viaxe e conclúe en Portugal. Para os seus desprazamentos, o medio de transporte máis habitual é o vehículo propio.

Máis turistas belgas

Polo que respecta á demanda turística de Bélxica en 2018, Galicia recibiu 20.611 visitantes que se aloxaron nos seus establecementos hoteleiros, onde realizaron 36.951 pernoitas. Esta cifra supón un incremento do 8,6% en relación ao mesmo período do ano 2017. Ademais, a estadía media dos viaxeiros belgas nos hoteis e pensións aumentou un 7%.

Por outra parte, Turismo de Galicia participa tamén estes días no certame CONFEC, que se celebra na cidade francesa de Cannes ao obxecto de promover o turismo de congresos, reunións e incentivos no mercado europeo, un segmento estratéxico no que Galicia conta cunha interesante combinación de elementos que fan dela un destino atractivo. Neste foro especializado os representantes de Turismo de Galicia terán a oportunidade de presentar os servizos e produtos relacionados co chamado turismo MICE aos operadores internacionais.

7 de febreiro de 2019 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.