publicidade hoxe

Galicia medrou en 2018 un 2,8%, tres décimas por riba do estado e creou 19.000 empregos a xornada completa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe, na rolda de prensa do Consello, as primeiras estimacións do Instituto Galego de Estatística sobre a evolución da economía galega no ano 2018.

Durante a súa intervención, Feijóo destacou o dato de crecemento da Comunidade, do 2,8%, que cualificou como excelente e explicou que esta cifra, que está por riba da do Estado e da media da Eurozona, supuxo a creación de 19.000 empregos a tempo completo. Ademais, dixo, superáronse as previsións establecidas no Plan estratéxico para período 2015-2020 do 2,5% e cumpríronse as estimacións macroeconómicas do Goberno galego.

Nese sentido, o presidente da Xunta sinalou os factores que explican este bo comportamento económico. O consumo, cun incremento do 2,2% con respecto ao ano anterior, a formación bruta de capital, un indicador que mide o impacto dos investimentos empresariais e que medrou un 7% e as exportacións que avanzaron un 3,4% máis que o conxunto da economía galega. En definitiva, dixo, a nosa Comunidade continúa medrando con forza, converxendo cos países da súa contorna e creando emprego de calidade.

A continuación e noutra orde de cousas, o mandatario galego, proseguiu o seu discurso dando a coñecer a nova Estratexia de responsabilidade social empresarial. Unha folla de ruta que segundo indicou impulsará ata o ano 2021 un total de 30 medidas para construír unha Galicia máis igualitaria, responsable e competitiva que se estruturará en tres eixos: empresas con valores, administracións con valores e sociedade con valores. “A Xunta ten que ser a primeira en dar exemplo” engadiu.

No tocante ao investimento, Feijóo explicou que este plan contará cun orzamento de 50M€ para, entre outras cuestións, fomentar compromisos económicos, ambientais e sociais; promover comportamentos voluntarios nas empresas que vaian máis alá da lexislación vixente; integrar condutas responsables e favorecer un diálogo aberto e transparente cos grupos referentes nesta materia.

Xa para rematar, o presidente da Xunta fixo fincapé nos obxectivos da citada estratexia que pasarían por incrementar un 15% o nivel de coñecemento da responsabilidade social empresarial, aumentar un 65% o número de firmas cun alto grao de implantación, incrementar un 25% os plans de igualdade, reducir a fenda dixital un 25% ou acadar un crecemento do 15% na oferta de contratos públicos que inclúan cláusulas sociais.

28 de febreiro de 2019 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.