publicidade hoxe

Galicia defende no Comité Europeo das Rexións o impulso da educación non formal a través do programa Erasmus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na primeira sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) deste 2019 na que, entre outros temas, se debateron os futuros programas da UE en materia de educación, cultura, xuventude e deporte. Xunto a outras rexións europeas, Gamallo reivindicou que o programa Erasmus tamén financie a mobilidade de mozos e traballadores do ámbito da xuventude de cara fomentar a aprendizaxe non formal.

Para o próximo orzamento da UE a longo prazo, que cubrirá o período 2021-2027, a Comisión Europea propón duplicar a financiación do actual Erasmus+, programa de apoio á educación, formación, xuventude e deporte en Europa. O ditame aprobado polos líderes rexionais e locais e defendido ante o comisario de Educación, Tibor Navracsics, congratula á Comisión Europea en logros como a simplificación administrativa ou a continuidade da participación do Reino Unido no programa, pero, á súa vez, pide medidas para mellorar o carácter inclusivo do programa.

Prioridades da Presidencia romanesa da UE

Os líderes locais e rexionais tamén recibiron á primeira ministra de Romanía, Viorica Dăncilă, país que asume, por primeira vez dende a súa adhesión ao proxecto europeo, a presidencia rotatoria da UE. Dăncilă presentou as prioridades da súa Presidencia que coincide con eventos tan importantes coma as eleccións ao Parlamento Europeo, a saída do Reino Unida da UE, prevista para o vindeiro mes de marzo, e as negociacións sobre o orzamento comunitario. A principal petición dos membros do CdR a Dancila foi que a súa Presidencia continúe a traballar para preservar a política de cohesión como valor europeo común.

Este debate antecede así o 8º Cume Europeo de Rexións e Cidades, que se celebrará os días 14 e 15 de marzo de 2019 en Bucarest. O acto está organizado conxuntamente polo CdR, a Presidencia romanesa da UE e as asociacións de entes locais e rexionais de Romanía. Baixo o título «(Re)Nova Europa» , o Cume reunirá a máis de cincocentos líderes europeos, nacionais, rexionais e locais de todos os Estados membros da UE para debater a contribución das administracións locais e rexionais ao futuro de Europa.

Conmemoración de Paweł Adamowicz

Os membros do CdR tamén aproveitaron esta primeira xuntanza para conmemorar a Paweł Adamowicz, alcalde de Gdansk e membro do Comité, que morreu asasinado no mes de xaneiro. Os seus compañeiros gardaron un minuto de silencio tras o discurso do presidente do CdR, Karl-Heinz Lambertz, na súa honra. O CdR, que porá o nome de Paweł Adamowicz a unha das súas salas, tamén colocou un libro de condolencias para que todos os membros e traballadores da institución puidesen dedicarlle unhas palabras ao político polaco.

Ademais, en presencia dunha delegación de Gdansk, o pleno debatiu e aprobou por unanimidade unha Resolución sobre como axudar a combater a incitación ao odio, á que os líderes rexionais e locais se atopan máis expostos.

7 de febreiro de 2019 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.