publicidade hoxe

Francisco Conde asegura que o Estado penaliza a Galicia co cambio no sistema de reparto dos fondos das políticas de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe en Madrid unha distribución dos fondos destinados ás políticas activas de emprego que teña en conta a eficiencia e efectividade e non só o rexistro de datos. Ao remate da LXXIV Conferencia Sectorial de Emprego, o titular de Economía amosou a súa “decepción” ao confirmarse unha modificación neste modelo de reparto. “Confírmase un cambio das regras de xogo, polo que Galicia ten que asumir un sistema que lle prexudica”, apuntou.

Para Conde, trátase “dunha dobre penalización” lembrando a caída xeral de investimentos no proxecto de Presupostos Xerais do Estado e agora tamén en materia de emprego.

Galicia, en palabras de Conde, non comparte os novos criterios de reparto, xa que non teñen en conta os esforzos para reducir os niveis de desemprego. O sistema actual, segundo subliñou, prexudica ás comunidades que aplicaban correctamente os fondos en base a obxectivos e resultados. Resaltou, ademais, a incerteza sobre os fondos finais, xa que ata o mes de abril, cando se leve a cabo a aplicación dos novos criterios, non se coñecerá o reparto final destes fondos e, polo tanto, o orzamento definitivo do que disporá a Comunidade galega para desenvolver as súas políticas activas de emprego.

Conde destacou que o Estado non valora o esforzo feito por Galicia para reducir o desemprego que se atopa a niveis de hai unha década. A Comunidade galega conta hoxe con 15.086 parados menos que hai un ano (-7,94%) e cun aumento nas afiliacións que encadean cinco anos de crecemento consecutivos. Así, Galicia ten recuperado 91.000 empregos dos perdidos durante a crise. En canto á calidade do emprego, 2 de cada 3 persoas ocupadas en Galicia teñen un contrato indefinido e a tempo completo e os salarios aumentaron nun 14% cando no resto de España a subida foi do 8%.

“É un prexuízo moi importante para a nosa formación e orientación”, engadiu. Galicia, na actualidade, está a desenvolver nun 70% os programas comúns do Catálogo de Servizos de formación e orientación laboral e é unha das comunidades que mellor ten adaptado este catálogo a súa realidade con 46 iniciativas e servizos propios.

A Administración autonómica, así mesmo, está activando programas pioneiros para que os galegos e galegas poidan continuar accedendo a máis e mellores empregos, como son as Unidades Formativas na Empresa que permite á industria elixir a formación que precisan os seus traballadores cun financiamento cen por cento público. Outras iniciativas que está realizando o Goberno galego no eido laboral son a Estratexia do autónomo ou o programa de segunda oportunidade para os traballadores por conta propia e o plan Executivas para impulsar a incorporación da muller a postos de dirección en empresas. Tamén destacou as actuacións que se están desenvolvendo para modernizar o Servizo Público de Emprego.

Así mesmo, a Administración autonómica ofrece alternativas a colectivos prioritarios como son as mulleres, a mocidade e os autónomos.

21 de febreiro de 2019 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.