publicidade hoxe

Feijóo reedita o compromiso con Betanzos e a súa Historia coa 3ª fase do conxunto histórico, coas axudas ás parroquias polas que transcorre o Camiño e coa posta en valor do Parque do Pasatempo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzosLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Acto conmemorativo do 800 aniversario da cidade

Acto conmemorativo do 800 aniversario da cidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso da Xunta con Betanzos e a súa historia, reflectido na terceira fase do conxunto histórico, nas axudas de 3,7 millóns de euros ás parroquias de Requián e Tiobre polas que transcorre o Camiño de Santiago e no obxectivo da posta en valor do Parque do Pasatempo.

Durante o acto de conmemoración do 800 aniversario da cidade, Feijóo reiterou o compromiso de que o centro histórico de Betanzos sexa a mellor cara de presentación para os veciños e para os visitantes, “e, por iso temos que traballar todos xuntos para achegar entre todas as administracións os fondos necesarios que permitan poñer en valor o único parque deseñado con fins didácticos en España”, sinalou, incidindo na necesidade de que o Goberno central se implique economicamente con este proxecto, ao tempo que recordou que a Xunta xa ten iniciado o proceso para a declaración de BIC.

En relación ás actuacións no núcleo histórico, e logo de recordar a posta en marcha en 2012 do albergue de peregrinos tras a rehabilitación da Casa da Pesqueira, o presidente do executivo autonómico salientou o obxectivo de levar a cabo a rehabilitación de inmobles para 16 vivendas de uso público, ademais da terceira fase do conxunto histórico, no que a Xunta e o Goberno central xa abonaron 700.000 euros.

No acto de conmemoración, Feijóo asegurou que os oitos séculos da cidade representan para o Goberno galego unha responsabilidade, un estímulo e un acicate. E resaltou a historia de Betanzos como a proba de que a historia é para os galegos sinónimo de continuidade e unión: “Os pasos dados polos galegos, españois e europeos están aquí representados. A evolución, o progreso, a viaxe incesante polas idades da historia ata chegar a estas alturas do século XXI, están presentes e vivos na vila dos cabaleiros”, abundou, facendo fincapé en que cada veciño se sente depositario dos 800 anos “que celebramos e que celebra toda Galicia”.

Nesta mesma liña, sinalou que esa apertura ao exterior que caracteriza á Comunidade, tivo en Betanzos, no seu porto, un dos seus fitos co tráfico de mercadorías e a chegada de romeiros camiño de Santiago. “A historia de Galicia atópase resumida na vosa historia, na historia dos betanceiros”, concluíu.

13 de febreiro de 2019 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.