publicidade hoxe

Feijóo explora co rexedor do Condado de Miami-Dade novas vías de intercambio comercial en sectores como o turismo, o contract e o aeronáutico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Feijóo na reunión co alcalde do Condado de Miami-Dade

Feijóo na reunión co alcalde do Condado de Miami-Dade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, iniciou, este martes, a súa viaxe institucional a Miami e Nova York cunha reunión co alcalde do Condado de Miami-Dade, Carlos A. Giménez, onde exploraron novas vías de intercambio comercial en sectores como o turismo, o contract e o aeronáutico.

Un dos principais asuntos que ocupou gran parte da xuntanza, foron as amplas posibilidades de cooperación entre os dous territorios no eido do turismo. E, nesta liña, Feijóo trasladou ao rexedor que un dos motivos fundamentais desta viaxe é comezar a promocionar no mercado de Estados Unidos o principal evento turístico que vai ter Galicia e o conxunto de España nos próximos anos: o Xacobeo 2021. Non en van, o interese da poboación estadounidense polas rutas xacobeas creceu de forma exponencial nos últimos anos, multiplicándose por oito o número de visitantes na última década, ata converterse xa no terceiro país do que proveñen máis peregrinos.

Durante o encontro, Feijóo transmitiu tamén o interese da Comunidade galega polos cruceiros, toda vez que é recoñecido o papel de Miami como capital mundial neste eido. “Interésanos moitísimo que os portos galegos poidan ser escala do turismo de cruceiros que nace en Miami ou que pasa por este Condado”, dixo, subliñando, ademais do aspecto turístico, as posibilidades que o mundo do cruceiro ten para o naval, xa que se estima que, nos vindeiros anos, dado o incremento progresivo do sector, entrarán en funcionamento novos barcos deste tipo.

Sobre este punto, recordou o traballo que o estaleiro Barreras está a realizar para a cadea hoteleira Ritz-Carlton, coa construción dun buque exclusivo por valor de 250 millóns de dólares.

Potencial do contract

O titular da Xunta avalou tamén o potencial de Galicia no ámbito do contract, así como a súa evolución ata o punto de converterse en referente internacional, como proba o feito de que as 100 empresas galegas do sector leven traballado en máis de 800 cidades do mundo e en máis de 9.000 proxectos. E constatou as posibilidades que existen en Miami tanto no ámbito residencial, como no contract hospitalario ou nas cadeas hoteleiras, en continua renovación das súas instalacións.

Ao respecto, confirmou, ademais, que a delegación galega, formada por numerosas empresas do contract, manterá ao longo destes días varias reunións neste eido.

No eido aeronáutico, Feijóo destacou o peso que o sector ten en Miami, representando case o 50% do valor do mercado mundial e recordou que a multinacional Boeing, xunto con Indra e Babcock están a desenvolver o polo aeronáutico de avións non tripulados en Galicia.

Ademais destes tres sectores prioritarios, o titular da Xunta expuxo tamén as posibilidades doutros sectores como o agrogandeiro, o vitivinícola, ou a pizarra e a pedra.

O presidente da Xunta fixo fincapé na situación económica desta zona, que desde os últimos anos está a experimentar un crecemento económico sostido –tanto en exportacións como importacións-; así como na súa situación xeopolítica, xa que Miami é un gran centro de operacións non só para acceder ao conxunto do mercado estadounidense senón tamén ao mercado latinoamericano. “Estamos a falar do primeiro aeroporto internacional dos Estados Unidos e do terceiro aeroporto en carga. E desde o Porto de Miami saen os principais cruceiros para o resto do mundo”, precisou.

Pola súa banda, o alcalde do Condado de Miami-Dade incidiu nas moitas cousas que ambos territorios teñen en común e no obxectivo de profundar nas relacións tanto no eido comercial como cultural e turístico. “Nós estamos moi interesados no Camiño de Santiago pero tamén nas industrias que ten Galicia. Galicia ten moitos portos e nós somos a porta a Latinoamérica e temos o porto máis grande de cruceiros do mundo”, dixo, referíndose ao interese da Comunidade por establecer voos directos Miami-Galicia.

Logo de cualificar a xuntanza de “moi boa”, Carlos A. Giménez expresou o desexo de ter máis reunións durante a súa viaxe que realizará a Europa, no mes de xuño.

Embaixadores da Galicia aberta

O presidente da Xunta rematou a xornada cun encontro coa comunidade galega de Miami, ao que tamén asistiu o alcalde da cidade de Miami, Francis X. Suárez, e onde reivindicou o papel dos galegos do exterior como embaixadores dunha Galicia aberta onde sumar identidades é sumar oportunidades.

“Unha Galicia unida e aberta que sabe ser hospitalaria, acollendo aos peregrinos que chegan a Santiago desde todos os lugares do mundo. E, tamén sabemos integrarnos nos países a onde imos, porque aos galegos nos interesa facer pontes e abrir portas, non facer muros ou pechar portas”, concluíu.

6 de febreiro de 2019 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.