publicidade hoxe

Ethel Vázquez avanza o inicio do proceso de información pública dun itinerario peonil na estrada AC-524, na contorna do futuro albergue de peregrinos de Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOrdesPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez na presentación do proxecto

Ethel Vázquez na presentación do proxecto

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe o inicio do proceso de información pública do proxecto de execución dun itinerario peonil na estrada AC-524, na contorna do futuro albergue de peregrinos do municipio de Ordes, cun investimento autonómico de preto de 650.000 euros.

Tal e como adiantou a conselleira este proxecto vén a dar resposta á petición do Concello de Ordes e coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da apertura do proceso de participación pública os interesados poden presentar as súa suxestións, a partir de mañá e ata o próximo 29 marzo. O obxectivo, segundo indicou, é poder licitar as obras este mesmo verán, para inicialas a finais deste ano, e ter rematado o itinerario ata o futuro albergue de Ordes antes do Xacobeo 2021.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou esta mañá ao rexedor José Luis Martínez e a corporación municipal dos detalles deste proxecto. Trátase da execución dunha senda pola marxe dereita desta estrada da Xunta, que partindo do itinerario peonil xa existente remata no punto quilométrico 0+500, e discorre polo núcleo de Ordes ata o p.q. 2+000, no lugar denominado A Costa.

Esta actuación do departamento de Infraestruturas ten como finalidade mellorar a seguridade viaria na zona, separando o tráfico peonil do tráfico rodado, e fomentar a mobilidade peonil en detrimento do uso dos vehículos.

Cunha lonxitude total de case 1,3 Km, a zona de tránsito peonil constará dunha sección tipo de formigón coloreado de 2 metros separada da calzada cunha banda axardinada de 0,90 metros, salvo nalgún tramo no que non sexa posible por falta de espazo. Tamén se prevé a execución dunha pasarela de 15 m sobre o río Cabrón.
Este novo treito, tal e como salientou, conectará coa futura posada de peregrinos e permitirá unir, ademais, outros focos de atracción tales como os centros educativos IES nº1 de Ordes e co colexio Alfonso Rodríguez Castelao, cos pavillóns polideportivos, locais comerciais e industriais, farmacias, etc.

Deste xeito, concluíu, lógrase unha continuidade e conectividade entre a senda existente e o itinerario proxectado, o que derivará nun fomento da mobilidade alternativa e suporá alcanzar unha diminución do tráfico rodado motorizado diario que actualmente existe entre estes núcleos, así como a mellora da seguridade viaria do treito.

14 de febreiro de 2019 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.