publicidade hoxe

‘Escenas do cambio’ sube ao teatro a adolescentes galegos non actores para coñecer as súas inquietudes e incertezas vitais

‘Escenas do cambio’, o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, sube mañá xoves ao escenario a adolescentes galegos non actores para que vertan en ‘Gatillo da felicidade’ as súas inquietudes, incertezas e conflitos vitais, baixo a análise e pescuda común entre todos eles sobre a súa perspectiva da quimérica felicidade na sociedade actual. A representación, cunha orixinal posta en escena emulando o xogo da ruleta rusa pero con polvos de cores, será ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Os portugueses Ana Borralho e João Galante volven traer ao festival un traballo en comunidade, tal e como fixeran en 2015 coa exitosa peza ‘Atlas’, que permitiu ver no escenario do Museo Centro Gaiás a un cento de cidadáns sen ningún tipo de experiencia no teatro para configurar un atlas da xeografía humana.

Para esta peza escénica, contouse con mozos e mozas da comarca de Santiago de Compostela, de entre 18 e 23 anos de idade, que non fosen profesionais da interpretación co obxecto, segundo os directores, de amosar, reflectir e saber “que pensan, que viven, que soñan, os mozos nados a partir do 2000”. Para iso, a compañía portuguesa fixo un labor previo con eles durante varios días de ensaios, onde se traballou e se pescudou sobre os seus soños e as súas expectativas nun período das súas vidas feito de tensións, presión, conflitos, riscos, retos, interrogantes sobre identidade e novas experiencias.

Referentes da danza contemporánea internacional

Esta segunda semana do festival permitirá ver a destacados artistas da danza contemporánea internacional como Alessandro Sciarroni, Tino Sehgal e Ligia Lewis. Estes dous últimos serán os encargados de pechar o sábado, día 16, ‘Escenas do cambio’ con ‘Sans titre (2000)’ e ‘Minor matter’, respectivamente, e que suporá ver por primeira vez en España dúas obras emblemáticas das carreiras destes artistas xa consagrados na escena internacional.

Coa presenza destes referentes, o festival confirma nesta quinta edición a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no festival, cun evidente peso no programa tanto en cantidade como en calidade, xa que o venres poderase ver xunto a ‘Chroma (35’)’, de Alessandro Sciarroni —Premio León de Ouro pola súa carreira na Bienal de Venecia— o orixinal traballo de Flora Détraz en ‘Tutuguri’ e o vestido-danzante de Ola Maciejewska en ‘Loie Fuller: Research’.

Toda a programación de ‘Escenas do cambio’ como a venda de entradas pode consultarse nas páxinas web da Cidade da Cultura de Galicia –www.cidadedacultura.gal— e do mesmo festival —www.escenasdocambio.org—.

13 de febreiro de 2019 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.